Voltar

PARTICIPACIóN DA AGPTI NO II CONGRESO INTERNACIONAL «TRADUCIóN E POLíTICAS EDITORIAIS»

30. Outubro. 2008
A participación da AGPTI, xunto coa ATG, no II Congreso Internacional «Tradución e Políticas editoriais» (Vigo, 15, 16 e 17 de outubro de 2008) no apartado que o comité científico e organizador quixo dedicar ás asociacións de tradutores proporcionounos unha oportunidade inigualable de comunicación e colaboración coas principais asociacións deste tipo de España, tanto xeralistas (EIZIE, TRIAC e ATIC –de agora en diante APTIC– e ASETRAD), como especializadas no eido da tradución editorial e literaria (ACEtt). Ao redor dunha mesma mesa de debate, compartimos con elas inquedanzas e iniciativas que agardamos resulten nunha frutífera e estreita colaboración no futuro próximo.

Por outra banda, no día dedicado á administración puidemos, ademais, coñecer de primeira man as políticas de tradución editorial promovidas por varios axentes públicos das administracións estatal e autonómicas (a Institució de les Lletres Catalanes, a Dirección Xeral de Promoción do Éuscaro da Deputación Foral de Biscaia, a Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural da Xunta de Galicia e a Subdirección Xeral de Promoción do Libro do Ministerio de Cultura), alén de escoitar as comunicacións vespertinas sobre múltiples asuntos relacionados coa tradución editorial.

Xa a nivel internacional, o congreso foi testemuña da perspectiva de Edwin Gentzler acerca do estado da cuestión da tradución, a política e a cultura nos EUA, así como da visión que os representantes da Federación Europea de Editores, o Consello Europeo das Asociacións de Tradutores Literarios e mais a UNESCO teñen sobre a situación da tradución literaria en Europa e no mundo.

 

 
Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación AGPTI - info@agpti.org
Web realizada por Blanca R.