Voltar

DíA INTERNACIONAL DA TRADUCIóN 2009

30. Setembro. 2009
«Traballar en común»

A tradución ábrenos portas ao mundo e, con iso, a nós mesmos; ábrenos portas a outras culturas, a outras sociedades, a outras economías... A creación duns estudos propios na Universidade de Vigo en 1992 marcou sen dúbida un punto de inflexión, non só, como é obvio, na formación e profesionalización, senón tamén na visibilización da actividade e da súa evolución en Galicia, á que contribúen ademais colectivos como a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación. Ademais da que quizais sexa a súa cara máis visible, a tradución literaria, son múltiples as actividades que requiren do saber e da habilidade de profesionais da tradución e da interpretación: tradución xurada, interpretación de congresos, localización de software, tradución técnica, subtitulado...

O 30 de setembro celébrase o Día Internacional da Tradución coincidindo coa festa do seu patrón, san Xerome, autor da tradución máis famosa ao latín da Biblia, a Vulgata. Como cada ano, a FIT, a Federación Internacional da Tradución, propón un tema de celebración e debate. Co lema «Traballar en común» ábrese a reflexión á importancia de unir forzas e ao xeito no que os métodos de traballo e comunicación actuais, a tecnoloxía e as novas formas de intercambio comercial, permiten, e mesmo demandan, que dentro das industrias da lingua se creen redes entre profesionais, entre clientes e prestadores de servizos, entre o mundo profesional e o académico, entre asociacións... A figura de quen traduce en solitario no seu escritorio ten os días contados: a tradutora ou tradutor actual comparte recursos con xente doutros países, revisa o traballo doutros e tamén o seu é revisado, participa en proxectos de documentación multilingüe... toda unha serie de posibilidades prometedoras e sobre as que cómpre reflexionar para, como sinala a FIT, mellorar a capacidade destes profesionais para empregar a forza da linguaxe co fin de axudar a xente de todo o mundo a vivir, aprender e traballar en común.

Achegamos a esta nota a tradución ao galego que Xisela Vázquez fixo para a AGPTI da nota de prensa emitida pola Federación Internacional da Tradución co gallo deste día.


> Arquivo adxunto:
DIT09_nota_de_prensaGL_FIT_IFT.pdf (12 KB)

 

 
Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación AGPTI - info@agpti.org
Web realizada por Blanca R.