Voltar

CURSO DE GALEGO

09. Abril. 2010
Comunicámosvos que a AGPTI organiza un novo curso de formación de galego para os próximos meses de abril-maio, co obxectivo de que poidades recibir unha formación específica en lingua galega, onde se traten certos aspectos prácticos que poidan ser de utilidade para o traballo cotián de tradución e interpretación á lingua galega e se poidan resolver as posibles dúbidas que poidades ter neste campo.

O curso será impartido por Mónica Martínez Baleirón, profesora de galego no ensino medio. Terá unha duración de 20 horas e impartirase os venres 9, 16, 23 e 30 de abril e 7, 14, 21 e 28 de maio en horario de 18.00 a 20.30 horas na aula 4 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de preinscrición é do 8 ao 29 de marzo, durante o cal os/as que esteades interesados/as deberedes enviar cuberto o formulario de preinscrición ao correo electrónico cursos@agpti.org.

OBXECTIVOS DO CURSO
O curso ten como obxectivo abordar os aspectos lingüísticos e estilísticos de maior interese para redactar con corrección textos formais en galego. Farase especial fincapé no repaso das interferencias e das estruturas non recomendadas propias da linguaxe administrativa tradicional e que aparecen acotío noutras linguaxes de especialidade.

1. Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (2003)
1.1. Repaso dos cambios.
1.2. Coherencia no uso dos dobretes.

2. Ortografía
2.1. O vocalismo e o consonantismo. Representación dos fonemas galegos. Palabras de ortografía dubidosa.
2.2. A acentuación. Regras xerais e acentuación diacrítica.
2.3. Os signos de puntuación.
2.4. Outras cuestións ortográficas: a diérese, o trazo, o uso das maiúsculas e das abreviacións.

3. Morfosintaxe
3.1. O artigo. Paradigma e usos.
3.2. Os posesivos. Paradigma e usos.
3.3. Os demostrativos. Paradigma e usos.
3.4. Os indefinidos. Paradigma e usos.
3.5. Os nomes. Xénero e o número.
3.6. Os pronomes persoais. Paradigma e usos.
3.7. Os relativos e os interrogativos. Paradigma e usos
3.8. O verbo. Conxugacións, modelos, perífrases e construcións sintácticas.
3.9. Adverbios. Formas e usos.
3.10. Preposicións. Formas e usos.
3.11. Conxuncións. Formas e usos.

4. Léxico e fraseoloxía

5. Recomendacións bibliográficas e recursos na rede

Debido á amplitude do temario, repasaranse sucintamente os aspectos máis básicos da gramática para atender con máis profundidade e atención os aspectos lingüísticos e estilísticos propios das linguaxes de especialidade coas que traballe o alumnado do curso.
A finalidade do curso é facer un repaso das cuestións dubidosas, problemáticas e confusas que adoitan aparecer no traballo diario dos profesionais da tradución. Para conseguir este obxectivo agardamos todas as vosas suxestións: dúbidas, problemas, cuestións sen resolver…



> Arquivo adxunto:
formulario_preinscricion_curso_galego_2010.doc (51 KB)

 

 
Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación AGPTI - info@agpti.org
Web realizada por Blanca R.