
Neste apartado recollemos unhas breves descricións dos conceptos máis usuais da actividade profesional da tradución e da interpretación.
Tradución
Acto de verter por escrito a unha lingua meta un texto orixinariamente escrito nunha lingua orixe.
Tradución xeral
Tradución que ten por obxecto un texto escrito en linguaxe non especializada.
Tradución especializada
Tradución que ten por obxecto un texto escrito en linguaxe especializada (xurídica, económica, técnica, científica, etc.).
Tradución xurada
Tradución que o/a tradutor/a xurada (unha especie de "fedatario público") sela dando así fe de que a tradución se corresponde co orixinal.
Tradución á vista
Tradución na que o/a tradutor/a ten ante si un texto escrito que non viu nunca antes e que le directamente en voz alta noutra lingua.
Interpretación
Acto de verter oralmente á lingua termo unha mensaxe producida en lingua orixe.
Interpretación consecutiva
O/a intérprete transmite en bloque as informacións que recibe en lingua orixe sen necesidade dun equipo técnico, e con posterioridade á emisión do discurso orixinal.
Interpretación simultánea
O/a intérprete traballa aquí nunha cabina insonorizada. A través dun equipo técnico recibe a información en lingua orixe que verte en lingua meta practicamente de forma simultánea.
Interpretación bilateral ou de enlace
/ Intérprete acompañante
O/a intérprete fai de intermediario/a entre dúas (ou ás veces máis) persoas que falan dúas linguas distintas. Este tipo de interpretación emprégase tipicamente en situacións como: reunións de negocios, roldas de prensa, entrevistas, etc.
Interpretación murmurada ou chuchotage
O/a intérprete traduce en voz baixa, ao oído dun ou dous delegados, o que vai dicindo o/a orador/a.
Interpretación xurada
Interpretación realizada por un/ha intérprete xurado/a.
Lingua orixe/de partida
Lingua da que se traduce/interpreta.
Texto orixe/de partida (TO)
Texto orixinal que se ha de traducir.
Lingua termo/de chegada
Lingua á que se traduce/interpreta.
Texto termo/de chegada (TT)
Texto traducido. É resultado do acto da tradución.
Texto paralelo
Texto na lingua termo ou orixe comparable ao texto orixe en canto á materia do mesmo ou ao tipo de texto.
Documentación sobre a materia
Toda aquela información (texto, imaxe, glosarios, traducións) útil e necesaria para a elaboración dunha tradución correcta.
Función do texto
Función comunicativa que ha de cumprir o texto termo.
Traductor/a ou intérprete profesional
Persoa dedicada profesionalmente ao exercicio da tradución e/ou da interpretación. Os e as profesionais da tradución/interpretación poden estar contratados por conta allea (nunha empresa, axencia de tradución, organismo, etc.) ou ben ser profesionais autónomos.
Traductor/a ou intérprete xurado/a
Persoa acreditada polo Ministerio de Asuntos Exteriores, no caso da tradución/interpretación de castelán e pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Política Lingüística) no caso da tradución/interpretación de galego.
Xornada completa de interpretación
Xornada laboral dun máximo de sete horas, repartidas entre mañá e tarde e descontado o tempo da comida e das pausas.
Media xornada de interpretación
Xornada laboral dun máximo de catro horas, ben en horario de mañá ou ben de tarde e descontado o tempo das pausas.
Corrección de textos
Entre as tarefas habituais dos/as profesionais da tradución, tamén se recolle a da corrección de textos. Neste caso, o/a cliente pon a disposición do/a tradutor/a un texto coa súa tradución para que este/a a revise e a corrixa. O/a cliente deberá especificar de qué tipo de corrección se trata: erros ortográficos e de lingua, erros de tradución, cuestións estilísticas, etc.
Taxa de cancelación
A taxa de cancelación aplicarase para os traballos de interpretación sempre e cando un traballo se cancele nos tres días anteriores ao día para o que estaba prevista a interpretación.
Recargo de urxencia
Taxa que se aplica a calquera encargo de tradución sempre que o seu cumprimento requira máis tempo do estipulado como media diaria máxima (entre 2000 e 3000 palabras).
|