Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

A AGPTI bótase ás redes

Gardado en Actividades Asociación Actualidade
A AGPTI bótase ás redes

Na primeira merenda-conversa da asociación trala asemblea xeral que elixiu a nova directiva, 14 persoas asociadas á AGPTI e tres convidadas tiveron a oportunidade de debater dinámicas de uso das redes sociais. Co título "Botarse ás redes: LinkedIn e Twitter", o encontro realizouse durante a tarde do 20 de abril e tivo lugar na sala de formación do espazo de coworking DoutroXeito, na compostelá rúa do Hórreo.


As merendas-conversa son unha nova actividade creada no seo da AGPTI co fin de pór en valor o que sabemos, trocar coñecementos e fomentar a comunicación entre profesionais do sector da tradución e interpretación, así como o contacto con representantes doutros sectores. Tamén se poñen en común larpeiradas e bebidas para a merenda, levadas polos propios participantes.


Na primeira sesión, dedicada á rede social de negocios LinkedIn, o tradutor e xornalista Óscar Curros optou por non usar ningunha ferramenta dixital e convidou o grupo a debater e compartir as súas experiencias á medida que ía tecendo unha interesante reflexión sobre a utilidade e os usos desta rede. Os principais temas tratados foron: como crear un perfil profesional, como e que publicar, en que lingua e con que periodicidade, así como as opcións para cuantificar resultados e os puntos de vista dos grandes gurús desta rede social. Ademais, Óscar Curros destacou a importancia hoxe en día do concepto glocal ou glocalización (facer presente a dimensión local na produción da cultura global) e a transcendencia para a cultura galega de construír e ocupar o seu lugar neste tipo de redes.


Xa repostas as forzas, trala merenda, a tradutora Béatrice Pépin conduciu a segunda sesión, na cal fixo unha substanciosa presentación sobre como tirar o máximo proveito do Twitter e dos chíos. Após unhas nocións básicas sobre a ferramenta, ofreceu trucos e recursos para organizar e xestionar contas ou optimizar os chíos, mostrou o lado dinámico e construtivo da comunidade en galego e falou sobre a posibilidade de aprendermos ou practicarmos outras linguas nesta rede. Tamén chamou a atención sobre o potencial de debate, reflexión colectiva e creatividade do Twitter. Por último, presentou unha serie de curiosidades, algunhas sorprendentes, outras interesantes ou cómicas e mesmo algunha inquietante e filosófica.


Ao final do evento aínda houbo tempo para intercambiar impresións, continuar as conversas e petiscar algo máis.