Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

A AGPTI estivo presente no Terceiro Congreso de UniCo en Madrid, nunha mesa redonda sobre a corrección nas linguas oficiais

Gardado en Asociación
A AGPTI estivo presente no Terceiro Congreso de UniCo en Madrid, nunha mesa redonda sobre a corrección nas linguas oficiais

UniCo é a Unión de Correctores, unha asociación de profesionais da tradución de textos fundada en 2005. A AGPTI estivo presente nunha mesa redonda sobre a corrección nas linguas oficiais

 

A AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) foi convidada ao Terceiro Congreso Internacional de Corrección de Textos, que tivo lugar do 24 ao 26 de outubro en Madrid, para dar o seu punto de vista sobre a situación da corrección profesional en lingua galega. Iria Taibo, vogal de comunicación da entidade, acudiu á mesa redonda titulada "A profesión entre veciños: correctores de linguas cooficiais" xunto con Ixiar Iza, de Elhuyar e Josep M. Mestres, director do servizo de corrección lingüística do Institut d'Estudis Catalans.

 

Na mesa redonda tratáronse temas como a formación das persoas que se dedican á corrección nas tres linguas, así como os distintos recursos que utilizan e temas máis xerais como as dificultades derivadas da situación sociolingüística ou a falta de recursos técnicos.

 

En relación co caso galego falouse, tanto durante a exposición da representante da AGPTI como no debate posterior, da alta tolerancia a textos publicados cun nivel de calidade moi baixo, mais tamén dos avances en sectores como as novas tecnoloxías ou a rede.

 

No congreso de UniCo participaron profesionais da corrección de diversos países e tratáronse temas como a necesidade da profesionalización, o debate sobre unha posíbel certificación ou novas ferramentas informáticas para a corrección.

 

A AGPTI e UniCo forman parte da Rede Vértice, plataforma que aglutina asociacións de profesionais da tradución, interpretación e corrección con presenza en España.