Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Comunicado sobre a orde da Xunta para a concesión de axudas á tradución de libros

Gardado en Actualidade Asociación
Comunicado sobre a orde da Xunta para a concesión de axudas á tradución de libros

En relación coa nova orde de axudas á tradución, a AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), que formou parte do proceso previo á súa convocatoria, igual que outras entidades, a chamado da Dirección Xeral do Libro da Xunta de Galicia, considera que hai algúns aspectos nos que se avanza a respecto de convocatorias anteriores, mais outros nos que a nova orde estabelece importantes retrocesos.

 

Estas axudas son un elemento moi importante para o sector, e consideramos que é imprescindíbel contar coa voz de todos os axentes implicados, mais entendemos que a administración non está a recoller axeitadamente as propostas das entidades representantes dos intereses de tradutores e tradutoras.

 

Dende o noso punto de vista, a orde de axudas á tradución debe defender os intereses legais, económicos e morais das tradutoras e tradutores. Un dos aspectos que valoramos negativamente desta nova convocatoria é a obrigatoriedade de certificar os coñecementos de lingua por medio de documentos oficiais. Neste sentido, pensamos que o medio para valorar o traballo dos e das profesionais da tradución debería ser a través da presentación do currículo, como medio suficiente para acreditar a experiencia de cada profesional, como se fixo até agora.

En canto á forma de valorar os currículos, cremos que habería que dotar cunha maior puntuación a quen teña experiencia en tradución literaria/editorial e, en segundo lugar, a quen teña experiencia noutros tipos de tradución. Outra das novidades é a esixencia de incluír certificados en relación coas obras publicadas. Neste sentido, entendemos que achegar datos relacionados coa edición do libro, como o ISBN, é un xeito de acreditar as publicacións que debería bastar, pois non hai dúbida ningunha a respecto da súa existencia. Ademais, parécenos que a experiencia nos pares de linguas cos que o profesional traballou en tradución literaria/editorial debe coincidir cos do proxecto para o que se solicita a axuda, asignando unha maior puntuación a quen teña experiencia no par lingüístico da obra, mais tamén tendo en conta outras posíbeis combinacións. A realidade do noso sector é que hai profesionais que poden non ter un certificado que acredite o coñecemento de lingua, mais o seu traballo e a formación, moitas veces autodidacta, dótaos da competencia para traducir con calidade lingüística e literaria.

 

Así mesmo, parécenos importante que se conceda unha maior valoración ás obras que se traducen dende a lingua orixinal e aqueles proxectos nos que contemplen unha mellor retribución para a persoa que traduce.


Por outro lado, parécenos moi importante estabelecer diferentes criterios de valoración (importacións/exportacións) en canto ao valor que as obras teñen para a cultura galega.

 

Algunhas das propostas que levou a AGPTI co obxectivo de mellorar as convocatorias de axudas e axeitalas á realidade dos e das profesionais son que se valore positivamente a tradución directa (e non a través de linguas ponte), así como o currículo de acordo ao par lingüístico da obra para a que se solicita a axuda e a experiencia en tradución literaria/editorial, sen deixar de valorar a experiencia e formación noutros ámbitos da tradución e da lingua; que se inclúan os gastos de probas de impresión, corrección e adianto de dereitos; que se estabelezan diferentes criterios de valoración entre as axudas ás obras que se traducen ao galego e as axudas que se traducen dende o galego a outras linguas…

 

A AGPTI traballa desde a súa fundación pola profesionalización no ámbito da tradución, tamén da literaria. Por isto, tampouco podemos concordar con que se valore ter recibido premios á creación literaria como mérito para tradutores e tradutoras. Acreditar o coñecemento dunha lingua non demostra que unha persoa sexa boa tradutora, e o mesmo acontece con quen teña gañado un premio de creación.

 

Con todo, parécenos un aspecto positivo que se inclúan nos gastos subvencionábeis os «gastos de edición, tales como os de deseño e maquetación, preimpresión, impresión, manipulado, correccións de estilo, ortotipográfica e as probas», mais consideramos que sería importante incluír o pagamento dos adiantos de dereitos.

 

Pola nosa banda, non podemos máis que agardar unha rectificación por parte da Xunta de Galicia, xa que, de non ser así, haberá moitos tradutores e tradutoras que, mesmo cunha amplísima experiencia en tradución literaria, van ter dificultades para cumprir con algúns dos requisitos desta orde de axudas.