Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Comunicado da Rede Vértice sobre a interpretación en casos como o do barco Aquarius

Gardado en Actualidade
Comunicado da Rede Vértice sobre a interpretación en casos como o do barco Aquarius

O sábado 23 de xuño, a AGPTI estivo presente no encontro anual da Rede Vértice. Neste encontro, ademais doutros traballos internos de coordinación, xurdiu a necesidade de emitir un comunicado referido á xestión da interpretación arredor das persoas migrantes que chegaron a Valencia no buque Aquarius.


A Rede Vértice é unha agrupación de entidades relacionadas coa tradución, interpretación e corrección, que traballa pola coordinación de accións a favor das condicións laborais dos e das profesionais e garantir a calidade do traballo e do servizo para quen o contrata e para toda a sociedade. Neste caso, a Rede Vértice mobilízase para tentar que as persoas que precisan a axuda de intérpretes reciban un servizo o máis respectuoso posíbel coa súa situación.


A seguir, reproducimos este comunicado, co cal se quere transmitir a vontade de colaboración das entidades da Rede Vértice para situacións como esta.

 

 

Comunicado da Rede Vértice sobre situacións de emerxencia

 

En casos como a chegada de centos de migrantes no buque Aquarius, o sector da interpretación insta a recorrer a intérpretes profesionais voluntarios en situacións de emerxencia.

 

A Rede Vértice, que agrupa máis de 6000 intérpretes e tradutores en España, avoga por mellorar os protocolos en despregues solidarios para garantir e protexer os dereitos dos máis vulnerables.

 

A raíz da recente chegada do buque Aquarius a España, foi alentador ver a reacción tanto da Administración e das organizacións como da sociedade. A resposta da cidadanía ante a petición de voluntarios puxo de manifesto o altruísmo da nosa sociedade, así como a importancia da comunicación entre persoas de diferentes culturas e idiomas neste tipo de situacións de emerxencia.


Porén, e co fin de mellorar o protocolo de actuación para futuras crises humanitarias, é imprescindible que, cando se buscan voluntarios, se teña en conta os intérpretes e tradutores profesionais para evitar situacións como as que puidemos apreciar nos últimos días por descoñecemento deste labor (por exemplo, asignar homes para interpretar mulleres en posibles situacións de abuso). Do mesmo xeito que se acode a médicos e avogados, a presenza de intérpretes e mediadores profesionais é igualmente vital para garantir e protexer os dereitos fundamentais de todos os afectados.


Todo isto garántese se se recorre a intérpretes profesionais voluntarios, non só para a propia interpretación, senón tamén para a coordinación e formación dos equipos de voluntarios. Só aquelas persoas preparadas e formadas para iso poden garantir o coñecemento e a sensibilidade lingüísticos e interculturais imprescindibles para unha comunicación eficaz entre os migrantes e os profesionais que os atenden. Trátase, en definitiva, de salvagardar os dereitos fundamentais de persoas extremadamente vulnerables.


A Rede Vértice, que agrupa asociacións de tradutores e intérpretes profesionais con presenza en España, conta con máis de 6000 profesionais que poden velar pola correcta execución deste tipo de intervencións.