Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Conclusións da xornada «Tomamos o pulso ao mercado da interpretación en Galiza»

Gardado en Actividades Asociación
Conclusións da xornada «Tomamos o pulso ao mercado da interpretación en Galiza»

O principal obxectivo da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) e da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo coa organización desta xornada era analizar as mudanzas que o mercado da interpretación vén experimentando en Galiza nos últimos anos e como isto lles afecta aos distintos elos da cadea, para tratar de amosar unha especie de panorámica que reflicta o mellor posible a situación actual do sector e os principais retos a que se enfronta, de maneira que entre todos sexa posible chegar ás mellores solucións posibles.
Con isto en mente, a xornada estruturouse arredor de dúas mesas redondas: unha constituída por representantes de axencias intermediarias no proceso de contratación de intérpretes e por entidades próximas ao cliente final destinatario de calquera servizo de interpretación, e outra formada por catro intérpretes con experiencias en distintos mercados.


Se podemos sacar unha palabra realmente clave desta xornada, esa é «colaboración». A necesidade de organizarse entre todos os elos da cadea e traballar como colectivo foi unha das primeiras cousas que se puxo sobre a mesa, xa por parte dos participantes da primeira mesa, que subliñaron a gran complexidade do oficio do intérprete e a inmensa calidade destes servizos en Galiza, se ben resaltaron tamén a necesidade de máis flexibilidade no sector. Desta mesa sae tamén unha clara necesidade de deseñar estratexias para educar o cliente, en termos de ser capaz de orientalo adecuadamente sobre a modalidade de interpretación que pode resultar máis axeitada para cada evento e de transmitir a ineludible necesidade de documentación e preparación previa que ten sempre un intérprete e a importancia de facilitar toda a información posible para que esa preparación poida levarse a cabo e resultar nun evento realmente positivo. Sinalouse tamén nesta mesa a necesidade de que o colectivo de intérpretes traballe no desenvolvemento dunha maior estratexia e visión empresarial.

 

A segunda mesa volveu incidir na importancia da colaboración, tanto dentro do colectivo de intérpretes en si mesmo (que debe ser capaz de coñecerse e traballar conxuntamente) como co resto de elos da cadea. Entender a complexidade do noso propio traballo, a necesidade de formación continua e de preparación a conciencia de cada traballo como condición indispensable para ofrecer sempre a máxima calidade, a profesionalidade que iso implica e que, en gran parte, é un factor clave á hora de determinar os nosos honorarios, saber traballar en equipo e defender os intereses da nosa profesión como colectivo... Todas estas son características básicas e fundamentais para o bo labor de calquera intérprete, e serán as únicas que nos permitirán mudar a percepción que parece detectarse noutros sectores de que o que vén de fóra sempre é mellor. En definitiva, acadar unha maior visibilidade, ofrecer unha total transparencia, avanzar como colectivo e colaborar con todos os demais axentes parecen ser a clave do futuro dos profesionais da interpretación en Galiza.

 

Pódese acceder á gravación da xornada aquí.