Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Merenda conversa sobre follas de cálculo

Gardado en Merenda-conversa Actividades
Merenda conversa sobre follas de cálculo

A próxima merenda-conversa da AGPTI vai ser dupla. Dúas sesións dedicadas en exclusiva ás follas de cálculo: o venres 28 de maio, Ruth Layús falaranos de autoxestión do traballo con follas de cálculo, e o venres 11 de xuño, Paloma Barrera explicaranos como automatizar tarefas en Excel con macros e VBA (Visual Basic for Applications).

O encontro, destinado a socias e socios da AGPTI, realizarase de maneira virtual. Ademais, desta vez haberá un sorteo entre as socias que compartan fotos da súa merenda nas redes sociais.

PROGRAMA

Primeira sesión: Autoxestión do traballo con follas de cálculo (28 de maio - Ruth Layús).
Veremos as posibilidades das follas de cálculo para xestionar e facilitar o traballo, tanto individual como en equipo. Aprenderemos a usar fórmulas, formato condicional, listas despregables, táboas dinámicas... O conto é compartir algunhas ideas que sirvan de inspiración para que cada persoa poida crear follas de xestión e traballo á medida das súas propias necesidades.

• Xestión administrativa
  - Rexistro de proxectos
  - Calculadora de prezos e prazos

• Xestión de traballo en equipo
  - Resolución de dúbidas terminolóxicas
  - Boletín periódico de novidades

• Pequenas ferramentas para facilitar o traballo
  - Calculadora de caracteres
  - Tradución alfabética de listas de topónimos

Segunda sesión: Automatización de tarefas en Excel con macros e VBA (11 de xuño - Paloma Barrera).
Coa gravadora de macros de Excel podemos automatizar tarefas repetitivas (que despois poderemos perfeccionar con VBA). Nesta merenda-conversa imos ver uns casos concretos, mais despois cada participante poderá aplicar o aprendido segundo o que precise.

• Organización de tarefas e entregas
  - Organización de tarefas por clientes
  - Inserción de novas tarefas na folla do cliente correspondente
  - Organización de entregas por data

• Facturación
  - Creación de facturas con formularios
  - Creación de facturas a partir de táboas de datos
  - Exportación de facturas en XLSX e PDF cun formato de nome concreto

• Exportación de documentos bilingües
 - Exportación de documentos en formato TXT bilingüe (para usar en programas de control de calidade, como Xbench, ou para crear memorias de tradución con eles, por exemplo)

• Formato de documentos orixinais
 - Organización de filas e columnas, uso de negriña, resalte de celas etc.

SORTEO
Sortearemos unha inscrición a un curso (o que elixa a gañadora) entre as participantes da merenda-conversa que compartan unha foto da súa merenda nas redes sociais.
Requisitos:
• Participar nunha das sesións da merenda-conversa.
• Compartir unha foto da merenda (torta, galletas, batido, café etc.) que prepares para asistir á merenda-conversa nas redes sociais (Twitter, Facebook, Instagram ou LinkedIn). Deberás usar o cancelo #merendaconversa e etiquetar o perfil da AGPTI nesa plataforma.
 

Información:

• Serán válidas todas as fotos compartidas os días en que se celebren as sesións da merenda-conversa (28 de maio e 11 de xuño de 2021).
• Máximo unha participación por persoa e rede social.
  - Poderás conseguir catro participacións como máximo (se compartes a foto nas catro redes sociais nas que está presente a AGPTI).
  - Se compartes a foto na mesma rede social nas dúas sesións, só contará como unha participación.
• A gañadora elixirase aleatoriamente entre todas as participacións válidas ao rematar a segunda sesión da merenda-conversa.


Público: socias/os da AGPTI

Data: Primeira sesión: venres, 28 de maio de 2020, de 16:00 a 19:30

Segunda sesión: venres, 11 de xuño de 2021, de 16:00 a 19:30

Lugar: virtual a través da plataforma Zoom

Inscrición: https://forms.gle/h4aSBtq47n1Luz8q8.

Prazo de preinscrición: ata o 27 de maio