Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Últimas sesións do curso de introdución á interpretación cara ao galego

Gardado en Cursos Actividades Asociación
Últimas sesións do curso de introdución á interpretación cara ao galego

Esta fin de semana pasada acabou o curso de introdución á interpretación cara ao galego, impartido por María Reimóndez.

A terceira sesión (xoves 25 de febreiro) estivo dedicada á interpretación simultánea. Primeiro, explicouse as situacións nas que se adoita utilizar este tipo de interpretación, o equipamento necesario, as destrezas que é importante dominar e a importancia do traballo en equipo. Despois de comentar entre todas as dificultades da interpretación simultánea e de ver algúns consellos, fíxose unhas pequenas prácticas: a plataforma empregada para o curso ten un módulo de interpretación que permitiu ás participantes interpretar dous breves discursos.


A derradeira sesión (sábado 27) iniciouse cunha última práctica de interpretación simultánea solicitada polas participantes. A seguir, comezou a mesa redonda do curso, onde se falou de diferentes sectores en función da combinación lingüística, en concreto, dos sectores nos que se traballa co italiano, o francés, o inglés e o alemán. Respondeuse tamén a algunhas dúbidas que foron xurdindo ao longo do curso e falouse da interpretación remota, en auxe por mor da situación actual. Para finalizar, presentáronse diferentes opcións para seguir formándose na área da interpretación (posgraos, cursos e recursos), así como opcións para se formar nos ámbitos de especialización de cada un.