Este premio ten como obxectivo pór en valor a nosa profesión e o galego como lingua de traballo. Por este motivo, o xurado soubo apreciar a importancia que ten a FFT para a formación de profesionais da tradución e da interpretación en Galiza, desde a creación dos estudos de Tradución e Interpretación en 1992, cun significado transcendente para a profesionalización da tradución cara o galego. Ademais, a FFT é un axente imprescindíbel para a evolución continua do sector, non só pola formación senón pola súa implicación coa mellora das condicións de traballo dos e das profesionais.
Na actualidade, na FFT impártense os Graos en Linguas Estranxeiras, Tradución e Interpretación e Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e varios títulos de posgrao.
O premio entregarase durante a 12.ª edición da Culturgal (do 29 de novembro ao 1 de decembro de 2019) no Pazo da Cultura de Pontevedra.