A AGPTI escolleu a súa nova xunta directiva, presidida por Ana Hermida

A nova directiva terá seis membros, entre os que se inclúen dúas novas incorporacións

O pasado sábado tiveron lugar as asembleas ordinaria e extraordinaria da AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Nesta asemblea, ademais da renovación da xunta directiva, aprobáronse os relatorios de actividades e económico de 2015 e as propostas para 2016.

A nova xunta directiva da AGPTI, ratificada por unanimidade pola asemblea, está encabezada por Ana Hermida, tradutora especializada en portugués que até agora se fixera cargo da tesouraría da asociación; a vicepresidenta é Iria Taibo, até agora vogal de comunicación; o secretario é José Luis Morais, que repite no cargo; a tesoureira é Iria Castro, que se incorpora á xunta directiva. Ruth Layús (anterior vicepresidenta) e Jessica Gregori (nova incorporación e socia recente da asociación) serán vogais.

A xunta directiva propón continuar a liña de traballo actual, tanto no ámbito interno (formación e asesoramento), como no da liña de divulgación sobre a profesión e a colaboración con outras entidades do ámbito na defensa dos dereitos dos e das profesionais, mais tamén de quen recibe os servizos de tradución e interpretación, nomeadamente no ámbito da xustiza. A nova xunta directiva tamén procurará novas liñas de traballo para a defensa dos intereses dos socios e socias e profesionais en xeral.

A asemblea tamén aproveitou para agradecer o labor da anterior directiva, nomeadamente de Patricia Buján, que foi presidenta da AGPTI desde 2012 e membro da xunta directiva desde 2008.