Os días 7 e 8 de febreiro de 2015 celebrouse no Instituto Santa Irene de Vigo o Galenguando, unhas xornadas sobre lingua e comunicación nas que se deron cita profesionais da lingua de diversos sectores, entre eles o da tradución e a interpretación.
Este encontro, eminentemente práctico e cun enfoque innovador, englobou distintos obradoiros sobre lingua e comunicación, pero tamén sobre publicidade, ensino de linguas, creación literaria… todo nun contexto propicio para o establecemento de contactos entre os profesionais do sector.
Incluíu ademais un maratón de interpretación impartido por Gabriel Cabrera e un curso de creación publicitaria impartido por Santiago García-Clairac.
Foron moitos os socios e socias da AGPTI que asistiron a este encontro. Ademais, a asociación estivo presente con material divulgativo que se colocou na mesa disposta na zona de acreditación. Estiveron dispoñibles para a súa consulta varios exemplares da «Guía práctica para o inicio da actividade profesional da tradución ou da interpretación» e da guía de recomendacións Petra «Towards new conditions for literary translation in Europe», e convidouse os participantes nestas xornadas a que solicitasen copias destas publicacións por correo electrónico.
Tamén se repartiron chapas da AGPTI a moitos participantes e folletos informativos sobre a actividade da asociación.