A AGPTI na Culturgal 2021

A pasada fin de semana participamos na Culturgal, con varias actividades no noso posto e actos na xornada do domingo. Sen dúbida, foi unha fin de semana agradable e un bo xeito de nos desvirtualizarmos despois de tanto tempo falando na distancia, de nos reencontrarmos tanto coas compañeiras de profesión como con outras persoas do sector cultural.

En Pontevedra tivemos a ocasión de lle dar visibilidade ao noso traballo e tamén de recoñecer o labor de entidades que traballan para poñer en valor a profesión e o galego como lingua de traballo.

O domingo, o profesor Alberto Álvarez Lugrís recolleu das mans da presidenta da AGPTI, Iria Taibo, o IV Premio Xela Arias á revista Viceversa. Contamos tamén con Avelino González, en representación de NUMAX, cooperativa que obtivo o recoñecemento no 2020. Os socios Samuel Solleiro e Manuel Arca achegáronnos a realidade do mercado da tradución audiovisual nun faladoiro presentado por Béatrice Pépin. E tamén contamos coa participación de Patricia Buxán (Catro Ventos) e Carlos Valdés (Irmás Cartoné) nunha conversa sobre tradución editorial que moderou Iria Castro.

Agradecemos a todas as persoas que se achegaron para facernos unha visita e informarse sobre a asociación e a todas as socias e socios que botaron unha man no posto. Grazas de corazón!