A AGPTI volveu estar presente un ano máis no Culturgal. Nesta ocasión, estivemos os tres días: venres, sábado e domingo. O día de máis participación e afluencia á feira foi o sábado, algo que notamos tamén no stand da AGPTI.
Este ano repetiamos a actividade «Vivababel», na que o público tiña que tratar de imaxinar o complicado que sería o seu día a día se os trebellos que utilizan non estivesen traducidos. Levamos tamén dúas actividades para nenos: «O teléfono avariado», na que lles pediamos aos pequechos que traducisen algunha frase do castelán ao galego ou do galego ao castelán, e «Quen di que», na que había que asociar onomatopeas noutros idiomas (árabe, inglés, francés e xaponés) cos animais correspondentes.
Sen dúbida, a actividade de máis éxito e participación foi «Quen di que». Nenos e maiores animáronse a participar nesta divertida actividade que obtivo récord de participación os tres días. As chapas que levabamos como agasallo por participar encantaron (repartíronse 150).
O faladoiro do domingo contou con pouca afluencia de público debido, sen dúbida, á coincidencia do día coa víspera dun festivo e á celebración simultánea de numerosas actividades na feira. Porén, isto non freou as tradutoras, Eva Almazán e María Alonso Seisdedos, para compartir e comentar a súa experiencia nun proxecto tan esixente como a tradución do Ulises, encontro a que deu peche unha intensa tertulia en que as tradutoras e as asistentes compartiron puntos de vista sobre a situación actual da tradución literaria en Galiza.
O domingo ao mediodía participamos por convite no vermú literario que a Asociación Culturgal organizou para crear un espazo de encontro entre os diferentes colectivos profesionais relacionados coas industrias culturais. Asistiron Patricia Buján e Cristina Sexto, que tiveron oportunidade de intercambiar impresións sobre a feira con Manolo Bragado (presidente da Asociación Culturgal) e Xosé Aldea (director do Culturgal), entre outros. Este último animounos a propor aínda máis actividades para vindeiras edicións da feira.
Unha vez máis, o paso da AGPTI polo Culturgal foi unha excelente oportunidade para reivindicar o papel da tradución e o labor das e dos profesionais que facemos posible a comunicación entre culturas.