A AGPTI sobre a licitación para servizos de tradución e interpretación nos xulgados de Galicia

Comunicado da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación con motivo da licitación para servizos de tradución e interpretación nos xulgados de Galicia

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) desexa mostrar a súa preocupación ante as condicións para a adxudicación de servizos de tradución e interpretación nos xulgados de Galicia que se indican no procedemento «Servicio [sic] de interpretacion [sic] e tradución para a Administracion [sic] de Xustiza en Galicia mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria e anticipada de gasto».

Por unha banda, non entendemos cal é a referencia utilizada pola Administración para propoñer unhas tarifas máximas que non chegan nin ao 15 % das do mercado real na nosa comunidade autónoma. Non podemos comprender como desde as propias Administracións públicas se fomenta tal precariedade laboral, incompatible co desempeño dun servizo de calidade nun cometido de tal responsabilidade como é o de intérprete xudicial.

A Unión Europea xa recolle na súa Directiva 2010/64/UE —a cal debía estar transposta ao ordenamento xurídico dos respectivos países antes do 27 de outubro do 2013, prazo que xa incumpre España— que todos os seus Estados membros están obrigados a ofrecerlles a todas aquelas persoas que vaian ser xulgadas servizos de interpretación na súa lingua materna para garantiren o seu dereito a un proceso xusto. Esta garantía inclúe a duns servizos de interpretación e tradución de calidade (artigo 5.1). Á vista das condicións do devandito procedemento da Xunta de Galicia, a AGPTI convida o goberno galego a reflexionar sobre estas preguntas:

— Que calidade poden ofrecer uns intérpretes que non chegarán a percibir nin o 10 % do que se lles retribúe noutros traballos similares?

— Que tipo de formación e experiencia que garanta ese nivel de calidade requirido ao abeiro da citada directiva poderán acreditar?

— Estarán realmente garantidos os dereitos dos procesados?

Certos aspectos da convocatoria, como a obrigatoriedade de responder á chamada dos xulgados nun prazo máximo de dúas horas, dan mostra da escasa importancia que se dá desde a Administración á profesionalidade e calidade do traballo final.

A realidade é que as queixas das xuízas e xuíces se multiplican por problemas relacionados coas interpretacións durante os procesos, segundo confirman as novas publicadas nos medios de comunicación durante os últimos anos e as declaracións de maxistrados como Pilar de Luna y Jiménez de Parga (Madrid); isto debería, cando menos, facer reflexionar a Administración pública sobre a necesidade de consultar con asociacións de profesionais do sector para estar ben informada desa mesma realidade, a dun traballo que esixe unha alta cualificación, tan alta que a mesma Administración decidiu hai xa máis de dúas décadas a creación da Licenciatura en Tradución e Interpretación, xunto con varios mestrados de especialización para que no noso país dispuxésemos de profesionais cualificados ao mesmo nivel que no resto dos países da Unión Europea.

Desde a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación entendemos que sería positivo que o goberno escoitase os representantes do ámbito profesional antes de presentar unha convocatoria deste tipo, pois coñecen de primeira man os problemas do traballo práctico e contan con experiencia que pode ser de grande utilidade para elaboraren unha convocatoria que permita que o servizo se preste nas mellores condicións. Por iso lamentamos que neste caso non se fixese así.

Parécenos que este non é o camiño da converxencia cos demais países da Unión Europea. Nin tan sequera é un retroceso: é unha clara mostra de falta de respecto por un traballo moi especializado e complexo desenvolto por profesionais que investiron anos na súa formación, tanto universitaria como doutras índoles, para se converteren en tradutores e intérpretes cualificados.

O goberno galego debe ser consciente de que, coa súa actuación, se arrisca a destinar diñeiro público a entidades mercantís privadas que, coas condicións do actual procedemento, non necesariamente poderán nin quererán estar á altura das necesidades nin das partes nin dos intérpretes; arríscase, así mesmo, a dificultar innecesariamente a impartición de xustiza; e arríscase, finalmente, a que se volvan producir casos con consecuencias tan negativas como se levan visto nos pasados anos e que, lonxe de se eliminaren, parecen condenados a repetirse.