A poeta e tradutora Erín Moure será Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo co apoio, entre outras entidades, da AGPTI

Co apoio unánime do Consello de Goberno da Universidade, a poeta e tradutora canadense Erín Moure recibirá o grao de Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Moure, que é bisneta de galego, é unha grande defensora e divulgadora da lingua galega a través das súas traducións de poetas galegas como Chus Pato ou Lupe Gómez. A profesora Belén Martín Lucas argumentou a proposta do departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá «pola súa innovadora e premiada produción poética, multilingüe e comprometida; polo seu labor como mediadora incansable entre culturas mediante a rescrita e tradución; polo seu activismo en prol das minorías lingüísticas, étnicas, sexuais e moi especialmente pola súa contribución á internacionalización da cultura galega e pola preservación do seu patrimonio».

Ademais do apoio de sete departamentos da propia Universidade de Vigo, a proposta de Erín Moure como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo tivo o aval diversas entidades, como a AGPTI, a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) ou a Fundación Rosalía de Castro. A AGPTI decidiu no seu día sumarse a esta proposta pola traxectoria como tradutora de Moure e polo seu labor como divulgadora da lingua e da cultura galega.