A Rede Vértice e a CCDUTI alertan do risco de traspor incorrectamente a Directiva 2010/64/UE

Alértase sobre o perigo de traspor incorrectamente a Directiva/2010/64/UE sobre interpretación e tradución nos procesos penais

Expertos internacionais, representantes das asociacións profesionais e docentes en tradución e interpretación advirten nun congreso en Alcalá de que os plans do Ministerio de Xustiza poderían afectar gravemente aos dereitos das persoas sospeitosas e acusadas no ámbito penal.

https://www.agpti.org/web/uploads/novas/Nota-prensa_Red-Vertice-CCDUTI_09-04-14.pdf

 

NOTA DE PRENSA, MADRID, 09/04/14

Texto completo (en castelán)

Reunidos na universidade cisneriana de Alcalá de Henares co gallo do 5º Congreso Internacional sobre Tradución e Interpretación nos Servizos Públicos, organizado pola catedrática Carmen Valero Garcés desta mesma universidade, diferentes representantes do mundo da tradución e a interpretación xudicial advertiron de que o mandato de calidade e profesionalidade da Directiva 2010/64/UE non se poderá respectar se o Ministerio de Xustiza non opta pola creación dun rexistro de intérpretes e tradutores independentes que deban superar unha proba de certificación para se
inscribiren nel. A Directiva é de obrigado cumprimento para os Estados membros e debía estar trasposta antes de outubro de 2013, tras un período extraordinario de tres anos destinado a ese fin. España xa incumpriu este prazo e é posible que sexa multada por iso nos próximos meses.

Nunha mesa redonda que abordaba a transposición desta normativa europea en España, a representante do departamento do Ministerio de Xustiza encargado desta transposición, Rosa Lamana, manifestou que xa están traballando na creación dun rexistro, tal e como recomenda a Directiva. Segundo Lamana, a idea do Ministerio de Xustiza, por recomendación do Ministerio de Economía e Competitividade, é que no rexistro se poidan inscribir tanto persoas físicas como persoas xurídicas, en función dos seus méritos profesionais e académicos. Juan Miguel Ortega, presidente da Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes Xudiciais e Xurados (APTIJ) e representante da Rede Vértice , apuntaba que a idea de crear un rexistro é acertada, pero que incluír persoas xurídicas supón unha incongruencia. «A idea do rexistro é a de garantir que se contrata profesionais que a nivel individual acreditasen a súa capacidade para traballar como tradutores ou intérpretes xudiciais, pero se incluímos persoas xurídicas o rexistro non será máis ca un novo coadoiro de persoal non cualificado a través das empresas inscritas», apuntaba Ortega.

Neste sentido, o colectivo de tradutores e intérpretes cre necesario que os profesionais teñan que superar unha proba de acceso para inscribirse nese rexistro, en lugar de avogar polo complexo sistema que presenta o Ministerio, que quere evitar celebrar un exame e que o acceso se faga mediante o recoñecemento de méritos académicos e profesionais. «A casuística é tan ampla que será realmente difícil manter un criterio coherente. Para evitar a arbitrariedade e garantir a calidade do servizo apriorísticamente, o mellor é contar cunha proba de acceso ao rexistro.

Como a transposición é urxente, poderíase crear unha lista provisional do rexistro e organizar unha proba de certificación que as persoas deban superar nun prazo razoable non superior a tres anos», sinalaba posteriormente María Jesús Blasco, representante da Conferencia de Centros e Departamentos Universitarios de Tradución e Interpretación de España (CCDUTI). Blasco indicou que as universidades españolas, co apoio da Conferencia de Reitores de España (CRUE), ofreceron ao Ministerio de Xustiza a súa experiencia en formación e avaliación para participar nun proceso de certificación de intérpretes e tradutores xudiciais.

O avogado Endika Zulueta reprochou ademais ao Ministerio de Xustiza que pretenda
traspor a Directiva 2010/64/UE de forma residual, na Disposición Final IV do Anteproxecto de Lei Orgánica do Estatuto da Vítima e no Anteproxecto de Lei de Colexios e Servizos Profesionais. Zulueta considera que a regulación da figura dos tradutores e intérpretes xudiciais é importante dabondo como para contar cunha normativa específica, á vista de que mereceu unha Directiva europea exclusiva. A este argumento, a experta en interpretación xudicial da Universidade de Vigo, Maribel del Pozo, engadiu desde o público que a Administración ten que velar polos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito a un xuízo xusto, que está estreitamente vinculado ao dereito á información e, polo tanto, á interpretación, e que aínda que a competencia de contratar os servizos de tradución e interpretación estea transferida a algunhas autonomías, é responsabilidade do Estado velar por que se cumpra nas condicións adecuadas.

Europa esixe calidade, pero España non responde

Erik Hertog y Hendrik J. Kockaert, expertos europeos en interpretación xudicial e na Directiva 2010/64/UE da Universidade Católica de Lovaina en Amberes (Bélxica), sinalaron que España debe recordar que o fin último da Directiva aprobada en Bruxelas é o de garantir a calidade e excelencia dos servizos de tradución e interpretación en todo o proceso penal e evitar que os dereitos lingüísticos dos cidadáns queden en mans de persoas non profesionais por causa da mercantilización do servizo.

A este respecto, a presidenta da Asociación Europea de Tradutores e Intérpretes Xurídicos (EULITA), Liese Katschinka, solicitou ás autoridades españolas unha acción coordinada coas diferentes partes interesadas que garanta que quen interprete na Administración de Xustiza sexan sempre persoas cualificadas e debidamente acreditadas. «A correcta transposición é fundamental», apuntou Katschinka, co fin de evitar o intrusismo profesional por parte de persoas que non dominan as linguas de traballo, non coñecen as técnicas de interpretación, carecen de coñecementos de Dereito e non seguen ningún código deontolóxico. Isto fixo perder grandes sumas de diñeiro ás administracións de xustiza europeas, incluída a española, pola paralización de xuízos e investigacións como consecuencia de traducións e interpretacións deficientes.

Preguntada polos mecanismos que o Ministerio previu para garantir a calidade, Rosa Lamana engadiu que «se garantirá a calidade mediante un réxime de sancións en caso de se realizaren incorrectamente as traducións e interpretacións e existir unha denuncia ou queixa ao respecto por parte dos operadores xurídicos». A esta cuestión, tradutores e intérpretes presentes na sala sinalaron que un sistema de control de calidade non se pode basear en actuar cando o mal xa está feito, senón que cómpre levar a cabo unha política de prevención que ofreza seguridade aos cidadáns. Engadiron que accións como a gravación dos xuízos con intérprete ou o correcto almacenamento da documentación que se solicita traducir son medidas que facilitarían e axilizarían a análise de calquera anomalía detectada na mediación lingüística.