[Acto] Día Internacional da Tradución 2024

Intelixencia vs. Artificial – As tradutoras damos a cara

Convocámosvos o vindeiro venres 27 de setembro ás 19:00 horas no local da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo (rúa Cánovas del Castillo, 2) para celebrarmos o Día Internacional da Tradución en colectivo como cada ano.

Debido ao crecente auxe de novas ferramentas de tradución automática baseadas en redes neuronais e algoritmos avanzados, e á presenza deste tema tanto nos foros do noso sector como no conxunto da sociedade, queremos aproveitar esta xornada para poñer en valor o noso traballo —verdadeiramente intelixente e xenuíno—, pois neste presente tomado polas máquinas, as tradutoras temos que dar a cara.

Farémolo de forma práctica: presentaremos varios textos de distintas tipoloxías a unha desas ferramentas e cotexaremos a súa proposta coa tradución elaborada por socias da AGPTI.

O acto é aberto ao público.

Contamos convosco!