Asemblea anual 2022 e merenda-conversa en Compostela

O pasado sábado 18 de xuño, tivo lugar a asemblea anual da AGPTI no Centro Sociocultural José Saramago de Vite (Santiago de Compostela).

Nela aprobouse por unanimidade tanto a composición da nova xunta directiva como os balances económico e de actividades de 2021 e o orzamento e actividades para 2022.

A nova xunta directiva, que continuará presidida por Iria Taibo, estará composta polos seguintes membros:

  • vicepresidenta: Iria Castro
  • secretaria: Beatriz Fariñas
  • tesoureira: Laura Iglesias
  • vogal de tradución literaria: Carlos Valdés
  • vogal de formación: Paloma Barrera
  • vogal de interpretación: Lara Santos
  • vogais de comunicación: Marta Pastoriza e José Rodríguez

Ademais, créase a Vogalía para as relacións coa Rede Vértice, que xestionará José-Luis Morais, e continúa como vogal o anterior vicepresidente e responsable de comunicación, Gabriel Álvarez.

En canto ás actividades, a proposta aprobada continúa as de anos anteriores e inclúe unha completa campaña de divulgación para achegar novos socios e socias. Outra das actividades importantes programadas para 2022 será a reunión da Rede Vértice en Santiago de Compostela. A Rede Vértice é unha agrupación de entidades do sector da tradución, a interpretación e a corrección de todo o Estado, que se reúne unha vez ao ano. Esta vez, na súa primeira reunión física desde o inicio da pandemia, será a AGPTI a que organice o encontro, ao que asistirán representantes das diferentes entidades.

A asemblea tamén incluíu un agradecemento polo seu traballo aos membros cesantes da xunta directiva: Béatrice Pépin (anterior secretaria), Cristian Marcote (anterior tesoureiro), Raquel Senra (que foi vogal de tradución literaria) e Celia Recarey.

Após as asembleas ordinaria e extraordinaria e o xantar en grupo, aproveitouse a ocasión para realizar unha merenda-conversa sobre o papel das asociacións fronte aos cambios tecnolóxicos no sector, co obxectivo de compartir experiencias e ideas sobre temas como a posedición e debater cal debería ser o posicionamento das asociacións. O día 21 de xullo a colega Iria Castro participará en nome da AGPTI nunha mesa redonda sobre estas cuestións no marco do curso “La traducción, una actividad en continua transformación tecnológica”.

Alén dos puntos xa mencionados, esta asemblea, a primeira presencial despois do inicio da pandemia en 2020, supuxo tamén unha oportunidade de encontro entre socias novas e máis veteranas.