Asemblea Xeral da AGPTI 2023

O pasado sábado 25 de marzo, a AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da
Interpretación) realizou a súa asemblea ordinaria no Museo do Pobo Galego. Os socios e socias
aprobaron a reorganización das vogalías (coa incorporación de Ana Hermida como vogal de
actividades) e grupos de traballo. Ademais, mantéñense xunta directiva, ademais da presidenta, Iria
Taibo, a vicepresidenta Iria Castro, a secretaria Beatriz Fariñas, a tesoureira Laura Iglesias e os vogais
Jose Rodriguez e Marta Pastoriza (comunicación), Paloma Barrera (formación), Carlos Valdés
(tradución literaria), Lara Santos (interpretación), José-Luis Morais (Rede Vértice) e Gabriel Álvarez.

Ademais de aprobar a memoria de actividades e balance económico de 2022, aprobouse a proposta
de actividades para 2023. Entre elas, unha das máis importantes é o lanzamento dunha campaña de
visibilización das profesións da tradución e da interpretación. A proposta dos socios e socias
presentes, traballarase tamén no ámbito da tradución de videoxogos. Este sector vive un importante
problema co recoñecemento dos e das profesionais, e a AGPTI fará unha proposta divulgativa e
reivindicativa, entre outros aspectos, para chegar ás persoas que están nos últimos anos dos seus
estudos, mais tamén para que as persoas que consomen estes produtos coñezan a realidade do
sector.

A semana próxima, a presidenta da asociación fará chegar ao Secretario Xeral de Política Lingüística
varias reivindicacións en relación coa profesión, como a urxencia da convocatoria de exames de
tradución xurada de galego. Ademais disto, tratarán sobre a petición conxunta coas asociacións
vasca EIZIE e catalá Aptic sobre o recoñecemento por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores das
tradutoras e tradutores das linguas cooficiais.

A AGPTI, que na actualidade conta con 129 membros profesionais, é unha asociación fundada en
2001 co obxectivo de crear unha plataforma de comunicación entre os e as profesionais para a
defensa do colectivo de traballadores e traballadoras da tradución e a interpretación, ademais da
difusión da lingua galega como lingua de traballo neste sector.