O pasado venres 24 de maio, na AGPTI organizamos unha merenda-conversa para socias baixo o título Como nos está a afectar a postedición? Son varios os foros de debate e encontros, o último na nosa pasada Asemblea Xeral, onde as nosas socias mostraron preocupación sobre como estes novos modelos de traballo poden afectar ao mercado laboral da tradución e, por conseguinte, ás condicións laborais das profesionais.
Para levar a cabo este encontro, realizamos un estudo previo para saber a realidade laboral dos membros da nosa asociación. Mediante unha enquisa sobre o uso da postedición, obtivemos unha serie de datos co obxectivo de poder debater sobre unha base material, con preguntas referidas á cantidade de socias que traballan en postedición e as condicións laborais en que o fan.
A primeira parte da merenda-conversa centrouse na análise e no debate dos datos da enquisa, co que puidemos coñecer mellor a realidade do mercado laboral actual da postedición. Concluímos, por unanimidade, que esta práctica leva a precarizar non só as condicións laborais das profesionais, senón tamén a calidade dos produtos finais. Outra conclusión preocupante foi que, a pesar de que haxa áreas de tradución nas que a postedición teña un maior protagonismo, esta práctica está espallada por todos os ámbitos profesionais.
A continuación, levamos a cabo un debate sobre cales deben ser os seguintes pasos que debemos dar como asociación para defendermos as condicións laborais no mercado da tradución. Tamén reflexionamos sobre a necesidade de concienciarmos a cidadanía dos problemas deste tipo de prácticas, un traballo colectivo que debe ser asumido tanto por profesionais como pola propia sociedade para reivindicarmos un futuro digno no sector e a garantía duns produtos finais de calidade.