Comunicado conxunto con motivo da licitación por tramitación urxente de servizos de tradución e interpretación para a Administración de Xustiza en Galicia

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), a Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Jurados (APTIJ), a asociación ACE Traductores (Sección Autónoma de Traductores de Libros de la Asociación Colegial de Escritores de España), a Associació Professional de Traductors i Intèrprets de Catalunya (APTIC), a Confederación Conferencia de Centros Universitarios de Traducción e Interpretación del Estado Español (CCDUTI), a International Association of Professional Translators and Interpreters (IAPTI) e a Red de Traductores e Intérpretes de la Comunidad Valenciana (XARXA) desexan mostrar a súa preocupación ante as condicións para a adxudicación de servizos de tradución e interpretación na Administración de Xustiza en Galicia que se indican no procedemento do «Servizo de traducción [sic] e interpretación para a Administración de Xustiza en Galicia».

Os motivos principais de discrepancia por parte das entidades asinantes deste comunicado son os seguintes:

—  que se outorgue a máxima puntuación á oferta económica máis «vantaxosa»;

— que a única esixencia sobre a competencia dos profesionais que subcontrate a empresa adxudicataria é que «haberán de contar cos coñecementos suficientes para o cumprimento correcto das prestacións en tódolos servizos de tradución e interpretación que soliciten os órganos xudiciais e as fiscalías», sen establecer ningún criterio mínimo nin ningún xeito de acreditación deses coñecementos. Isto, unido aos prezos que establece a propia convocatoria e as lamentables condicións de traballo que isto implica, supón un grave obstáculo para que este servizo vaia poder contar con profesionais da tradución e da interpretación e abre as portas a persoal non-cualificado;

— o servizo está dirixido a «procedementos xudiciais de oficio ou a instancia do Ministerio Fiscal, ou de parte do titular do dereito á asistencia gratuíta na Administración da Xustiza en Galicia», polo que consideramos que a protección destes usuarios da xustiza debería tomarse máis en serio e procurar todas as garantías para que poida realizarse nunhas condicións mínimas de calidade e igualdade, considerando que está en xogo a salvagarda dos dereitos fundamentais das persoas afectadas polos procedementos;

— establécense unhas tarifas que están moi por debaixo do prezo do mercado para este tipo de servizos e dentro das que hai que contar coa marxe de beneficio da empresa, ademais do prezo que cobre o profesional que realice o servizo;

— non se tiveron en conta as entidades de profesionais nin os departamentos universitarios, que poderían informar axeitadamente sobre a situación neste ámbito e as negativas repercusións sobre a xustiza que pode ter unha licitación destas características (como xa teñen feito en repetidas ocasións, infelizmente sen éxito, tanto a AGPTI como outras asociacións do Estado e a comunidade académica);

— a urxencia do procedemento fai ver tamén unha certa improvisación; consideramos que un servizo de tanta importancia debería ser obxecto dunha planificación máis seria e rigorosa.

A propia Administración pública está fomentando a precariedade profesional, ademais de imposibilitar de feito que o servizo público se leve a cabo nunhas condicións mínimas de calidade nun ámbito de tanta responsabilidade como é o da xustiza.

A Unión Europea xa recolle na súa Directiva 2010/64/UE —a cal debía estar trasposta ao ordenamento xurídico dos respectivos países antes do 27 de outubro do 2013, prazo que xa incumpre España, arriscándose a ser sancionada pola Unión — que todos os seus Estados membros están obrigados a ofrecerlles a todas aquelas persoas sometidas a procesos penais servizos de interpretación na súa lingua materna para garantiren o seu dereito a un proceso xusto. Esta garantía inclúe a duns servizos de interpretación e tradución de calidade (artigo 5.1). Á vista das condicións do devandito procedemento da Xunta de Galicia, as entidades asinantes deste comunicado queren rexeitar contundentemente o proceso de licitación, pois impide de feito que se poida cumprir con estes obxectivos nin cos dereitos dos procesados.

O Goberno galego debe ser consciente de que, coa súa actuación, se arrisca a destinar diñeiro público a entidades mercantís privadas que, coas condicións do actual procedemento, non necesariamente poderán nin quererán estar á altura das necesidades nin das partes nin dos intérpretes, como se ten comprobado reiteradamente ata agora; arríscase, así mesmo, a dificultar innecesariamente a impartición de xustiza; e arríscase, finalmente, a que se volvan producir casos con consecuencias tan negativas  como os que xa teñen denunciado repetidamente nos pasados anos membros da xudicatura, avogacía e fiscalía e que, lonxe de se eliminaren, parecen condenados a repetirse.

Texto completo do comunicado