Comunicado sobre a licitación dos servizos de interpretación e transcrición para as linguas oficiais no Senado

O obxectivo de racionalización do gasto nas cámaras españolas non debe implicar que a contratación dos servizos lingüísticos se faga en condicións prexudiciais para os traballadores que os prestan.

A única beneficiada deste novo sistema de contratación, que se implantou sen negociar nin informar os profesionais, será a empresa adxudicataria, xa que non se esixe o pagamento duns honorarios xustos nin a contratación de profesionais acreditados.

 

A raíz da reforma do Regulamento do Congreso dos Deputados, que permite o uso das linguas oficiais distintas do español na cámara baixa, as asociacións representantes do sector da tradución e da interpretación en España, agrupadas na Rede Vértice, emitiron varios comunicados aplaudindo esta decisión e destacando a importancia dunha contratación adecuada para todos os servizos lingüísticos implicados.

No que se refire á contratación de intérpretes para o desenvolvemento eficaz dos plenos e comisións do Congreso dos Deputados, as entidades do sector coinciden na importancia de que se faga en condicións apropiadas, que garantan a calidade do servizo e a profesionalidade do persoal contratado, e que se establezan unhas condicións de traballo adecuadas. Como exemplo disto, nos últimos meses mencionouse o caso do Senado, que permite usar catalán, vasco, galego e valenciano —ademais do castelán— e que conta cun grupo de intérpretes acreditados, que son traballadores e traballadoras autónomas, con cualificación específica en interpretación simultánea, con experiencia demostrable e que superaron un proceso específico de selección.

A reivindicación de que o sistema proposto para a cámara baixa reproducise o modelo actual na cámara alta decae o pasado 20 de decembro de 2023, xa que o Senado licita os servizos de interpretación simultánea remota e a transcrición das intervencións realizadas en vasco, catalán, galego e valenciano para as sesións parlamentarias do Senado. Este anuncio desmantela o servizo actual de interpretación como se concibira no ano 2005, mediante un grupo de intérpretes cualificados e seleccionados con criterios obxectivos que prestou o servizo sen excepción, para pasar dunha contratación directa, con garantías de calidade na prestación do servizo e de respecto das condicións laborais do sector, a un sistema de externalización nunhas condicións que valoramos moi negativamente pola precariedade laboral á que abocan.

Como xa denunciamos en numerosas ocasións, son coñecidos os exemplos de diversos organismos públicos que nos últimos anos contratan servizos de interpretación a empresas intermediarias, con graves erros e problemas, debidos precisamente ao emprego de persoas non profesionais e á falta de garantías que implica. As entidades da Rede Vértice levamos anos recompilando experiencias desas malas prácticas, entre as que destacamos as incontables peticións e reclamacións presentadas polos colegas da Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Judiciales y Jurados (APTIJ) ante diferentes organismos e institucións, así como a publicación de varios comunicados e notas de prensa nos que as asociacións de profesionais manifestan o malestar e a preocupación do sector pola perda de calidade e profesionalidade do servizo de interpretación xudicial na Administración pola xeneralización da subcontratación.

A licitación anunciada pola Mesa do Senado o pasado 20 de decembro insiste e agrava eses erros. Desde o punto de vista das asociacións que subscriben este escrito, as condicións para a licitación, no caso de que se considere imprescindible acudir a este sistema de contratación, deberían establecer:

— uns requisitos concretos en relación coa formación e experiencia dos profesionais que vaian prestar o servizo;

— a obrigatoriedade de indicar o prezo que van cobrar os e as profesionais, que debe ser xusto e estar de acordo coas condicións do mercado.

En caso de que non sexa así, é imposible garantir que o servizo se preste nunhas condicións mínimas de profesionalidade e calidade.

Por outra parte, a xustificación dos motivos que deron lugar á convocatoria desta licitación é cuestionable. Con ela non se produce ningún tipo de actualización do servizo actual de interpretación (nin no plano tecnolóxico nin no relativo ao grupo de persoas, por indicar dous exemplos). Esta actualización resolvería os problemas que se indican na exposición de motivos.

O obxectivo fundamental que propón a licitación anunciada polo Senado é unha «racionalización» do gasto, que reduce á metade a partida orzamentaria destinada aos servizos de interpretación. Os gastos non se reducen mediante o aforro dos custos de desprazamento ao pasar da interpretación presencial á remota, senón que esta redución de custos se realiza mediante a rebaixa dos honorarios das intérpretes, que quedan reducidos a menos da metade do que reciben na actualidade. Isto implica un empobrecemento das condicións laborais e destrúe por completo o sector, xa que non se pon ningún límite a que as empresas adxudicatarias sexan beneficiarias dunha parte moi importante do importe aboado polo Senado nin se especifica cal é a formación que deben ter as intérpretes nin cales son as condicións nas que van levar a cabo o seu traballo.

Por outra parte, o orzamento total máximo que establece a documentación técnica da licitación non corresponde unicamente ao pagamento dos servizos de interpretación e de transcrición, senón que inclúe tamén a xestión de todas as tarefas que se realicen (contratación de profesionais, asignación e organización do traballo e control da súa execución), unha plataforma informática para a prestación dos servizos en remoto, o soporte técnico e resolución de incidencias durante a prestación do servizo e a formación no uso desta plataforma para os intérpretes, técnicos e persoal técnico do Senado. Polo tanto, a partida destinada ao pagamento das profesionais que levan a cabo o servizo de interpretación e transcrición redúcese moito máis da metade.

Tamén destacamos que entre os requisitos de participación para os licitadores se inclúan uns criterios de solvencia técnica-profesional e de solvencia económica-financeira que esixen unha facturación e un volume de negocio anuais dificilmente conseguibles por empresas que non sexan as grandes provedoras de servizos lingüísticos que ata o momento resultaron adxudicatarias dos contratos tan deostados e que tantos problemas causaron noutras administracións públicas.

Por último, o Senado anuncia esta licitación sen un proceso de negociación previa, nin coas persoas que prestaban o servizo ata este momento (acreditadas pola propia cámara) nin coas asociacións de profesionais do sector, que poderían contribuír a este proceso. Deste xeito, o Senado mostra o seu escaso respecto polos dereitos das persoas que se dedican profesionalmente á interpretación de conferencias e contribúe á destrución dun sector moi afectado por outras licitacións semellantes de diferentes institucións.

En definitiva, as entidades que subscriben este documento opóñense ás condicións desta licitación e esixen que se corrixa este procedemento, contando coas asociacións de profesionais representativas do sector, e que non se utilice este modelo para a contratación de servizos análogos no Congreso dos Deputados. O noso principal obxectivo é que as persoas que presten o servizo o fagan en condicións adecuadas, para poder garantir que as linguas oficiais estean presentes nas nosas institucións coa dignidade que merecen.

 

As asociacións asinantes poñémonos ao dispor dos organismos públicos pertinentes para ofrecer asesoría en todo o referente á prestación de servizos de tradución profesionais, humanos e de calidade.

  • ACE Traductores (Sección autónoma de la Asociación Colegial de Escritores de España)
  • AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación)
  • AICE (Asociación de Intérpretes de Conferencia de España)
  • APTIC (Associació Professional de Traductors i Intèrprets de Catalunya)
  • APTIJ (Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Judiciales y Jurados)
  • ASATI (Asociación Aragonesa de Traductores e Intérpretes)
  • Asetrad (Asociación Española de Traductores, Correctores e Intérpretes)
  • ATIJC (Associació de Traductors i Intèrprets Jurats de Catalunya)
  • ATRAE (Asociación de Traducción y Adaptación Audiovisual de España)
  • AVIC (Associació Valenciana d’Intèrprets de Conferència)
  • EIZIE (Euskal Itzultzaile, Zuzentzaile eta Interpreteen Elkartea)
  • ESPaiic (Asociación de los miembros de la AIIC en España – Asociación Internacional de Intérpretes de Conferencias)
  • FILSE (Federación Española de Intérpretes de Lengua de Signos y Guías-Intérpretes)
  • IAPTI (International Association of Professional Translators and Interpreters)
  • Tremédica (Asociación Internacional de Traductores y Redactores de Medicina y Ciencias Afines)
  • UniCo (Unión de Correctores)
  • Verbéu (Asociación de Traductores Profesionales n’Asturianu)
  • Xarxa (Red de Traductores e Intérpretes de la Comunidad Valenciana)

Co apoio de:

  • AETI (Asociación Española Universitaria de Traductores e Intérpretes en Formación)
  • AUnETI (Asociación de Universidades del Estado Español con Estudios Oficiales de Traducción e Interpretación)
  • Departamento de Tradución e Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo)