A AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) rexeita, unha vez máis, o enfoque e o contido da orde de axudas á tradución da Xunta de Galicia, que é, ao noso ver, pouco coherente coa realidade da profesión e do sector e que non tivo en conta a meirande parte das peticións das entidades do ámbito.
A AGPTI (igual que outras entidades) xa fixo chegar á administración en varias ocasións as súas achegas, entre elas as máis importantes:
- Importancia de separar traducións cara ao galego e do galego a outras linguas, pois implican estratexias e realidades moi diferentes. Consideramos que a escusa técnica para non facelo non está xustificada.
- Valoración de que as traducións se fagan directamente e non a través de linguas ponte. Isto é importante sobre todo para fomentar que exista a tradución cara ao galego de linguas menos habituais.
- Debe valorarse de xeito máis obxectivo e simple o currículo das persoas que fan as traducións.
Ademais, este ano, ao contrario do que suxerimos as diversas entidades, introdúcense algúns elementos absurdos para resolver problemas reais: para evitar que se subvencione dúas veces a mesma obra, o primeiro proxecto presentado será o que a reciba, sen ter en conta outros parámetros, como a calidade da tradución. Inclúense novamente criterios extraliterarios e de dubidosa relevancia, como o lugar de nacemento das persoas autoras das obras orixinais, cousa que consideramos que non ten absolutamente nada que ver cos obxectivos que deberían ter estas axudas.
En definitiva, a AGPTI fai un traballo exhaustivo para estudar as propostas da administración ano tras ano, e dedicamos tempo e esforzo a analizalas e elaborar as nosas conclusións e presentar alternativas. Entendemos que a administración non ten interese nin en atender as necesidades reais do sector nin en definir uns obxectivos claros para estas axudas, polo que valoramos a posibilidade de deixar de colaborar coa administración neste ámbito.