CONTIGO NA DISTANCIA: ACTO POLO DIT 2021

Faladoiro entre Samuel Solleiro e Roi Vidal Ponte polo Día Internacional da Tradución

Este xoves 30 de setembro de 2021, a AGPTI, en colaboración coa Xunta de Galicia, celebra o Día Internacional da Tradución cun faladoiro entre Samuel Solleiro e Roi Vidal Ponte. Terá lugar no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura de Santiago de Compostela) ás 18 horas. O acto é de balde, con inscrición previa nesta ligazón. Haberá emisión en streaming por You Tube. Posteriormente, a AGPTI convidará as socias e socios que asistan a uns petiscos.

Contigo na distancia

“Traducir un libro obríganos a dialogar cunha persoa ausente —a autora ou autor— só a partir duns trazos que deixou plasmados algunha vez, hai meses ou séculos, nun código máis fácil ou máis difícil de descifrar. O exercicio ten algo de fantasmal, coma unha especie de psicofonía ou de ouija, onde temos que reconstruír a voz desa persoa a partir duns débiles sinais que nos envía desde outro mundo. En efecto, no noso traballo case nunca temos oportunidade de traballar coa autora ou autor; agora ben, a relación que establecemos con esta figura non sempre é a mesma. Que marca a distancia no proceso da tradución? Que diferenza hai entre traducir alguén totalmente alleo á túa vida ou ao teu tempo e traducir o teu propio pai? Que importancia teñen os afectos no noso traballo? Que papel desempeña a morte? Samuel Solleiro e Roi Vidal Ponte intentarán —e non lograrán— responder estas e outras preguntas nunha conversa a partir das súas traducións máis recentes: Noite fiel e virtuosa de Louise Glück en galego no caso de Solleiro e Doentes de Roberto Vidal Bolaño —pai do tradutor— en castelán no caso de Vidal.”

Samuel Solleiro (Tui, 1982) é membro de AGPTI e tradutor profesional nos ámbitos audiovisual e literario. Traduciu libros de Louise Glück —o último, Winter Recipes from the Collective, está no prelo—, Mary W. Shelley, Marcel Schwob ou Raymond Radiguet, ademais de obras sobre cinema. É autor de varios libros; o último, O mundo dos vivos (2019), está en proceso de tradución a dúas linguas.

Roi Vidal Ponte (Compostela, 1982) é dramaturgo, docente e investigador teatral. Á parte de Doentes, traduciu tamén para o galego textos dramáticos de Tennessee Williams e Iván Morales para a súa representación escénica. Entre os seus libros propios destacan Boisaca ou a divina desgraza (2019), As máscaras brancas (2019) ou Fóra de portas (2013), a biografía do seu pai, Roberto Vidal Bolaño.

Solleiro e Vidal formaron parte conxuntamente de varios proxectos, coma a defunta Estaleiro Editora ou o grupo musical Ataque Escampe, onde Solleiro aínda participa activamente e Vidal é membro honorario desde 2018.