Convocatoria do III Premio Xela Arias

Un ano máis, abrimos a recepción de candidaturas para a III edición do Premio Xela Arias. Este premio recoñece o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación (cara ou desde o galego) en todos os sectores económicos.

Preténdese deste xeito pór en valor a nosa profesión e o galego como lingua de traballo, e dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.

O período de recepción de candidaturas comeza hoxe e rematará o día 25 de setembro. Para propor unha candidatura só é preciso enviar un correo electrónico a info@agpti.org. Calquera persoa pode suxerir unha empresa, entidade ou persoa candidata por este medio. O gañador ou gañadora será anunciado o día 30 de setembro co gallo do DIT, o Día Internacional da Tradución.

A gañadora da primeira edición foi María Alonso Seisdedos, e a da segunda, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.