A AGPTI abre a recepción de candidaturas para a V edición do Premio Xela Arias, que recoñece o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación (cara ou desde o galego) en todos os sectores económicos.
O período de recepción de candidaturas rematará o día 25 de outubro de 2022. Calquera persoa pode suxerir candidaturas, e para facelo só é preciso enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da empresa, entidade ou persoa candidata e os motivos polos que se considera que merece o premio. A persoa, entidade ou empresa gañadora será anunciada o día 2 de novembro de 2022, coincidindo co 19.º cabodano de Xela Arias.
Pódense consultar as bases completas nesta ligazón.
O premio Xela Arias, creado en 2018, pretende pór en valor a nosa profesión e o galego como lingua de traballo, así como dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.
As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos, a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o proxecto cooperativo NUMAX e a publicación científica Viceversa. Revista Galega de Tradución.