Hoxe, 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) abre o prazo de recepción de candidaturas para a VII edición do Premio Xela Arias, que recoñece o labor de empresas, entidades ou persoas que contribúan á promoción do uso do galego no mercado da tradución e da interpretación (cara ou desde o galego) en todos os sectores económicos e sociais.
O período de recepción de candidaturas rematará o domingo 27 de outubro de 2024. Calquera persoa pode suxerir candidaturas, e para facelo só é preciso enviar un correo electrónico a info@agpti.org co nome da empresa, entidade ou persoa candidata e os motivos polos que se considera que merece esta distinción. Entre todas as persoas que envíen candidaturas sortearase un lote de libros composto pola publicación Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora, mais catro obras literarias traducidas por socias da AGPTI.
A persoa, entidade ou empresa gañadora do VII Premio Xela Arias será anunciada o luns 4 de novembro de 2024.
Con este premio preténdese pór en valor a profesión da tradución e da interpretación e mais o galego como lingua de traballo, ademais de dar a coñecer o nome de Xela Arias (1962-2003), figura destacada na tradución ao galego e responsable das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.
As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020), a publicación científica Viceversa. Revista Galega de Tradución (2021), a entidade A Mesa pola Normalización Lingüística (2022) e a Asociación Galega de Editoras (2023).
As bases completas están dispoñibles nesta ligazón.