Crónica do acto polo Día Internacional da Tradución 2024

Este pasado venres 27 de setembro, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación organizamos un acto público para conmemorar o Día Internacional da Tradución, que se celebra o 30 de setembro. Como cada ano, quixemos aproveitar esta data para dar visibilidade ao oficio da tradución e da intepretación e para abrir un diálogo co conxunto da sociedade sobre algún tema de especial interese ou de actualidade relacionado co noso sector. Desta volta, decidimos centrar o debate na aplicación da intelixencia artificial no ámbito da tradución, un tema sobre o cal, en distintos foros internos da AGPTI, levamos meses reflexionando para tratar abordalo dende a responsabilidade e a profesionalidade.

Así pois, neste acto levamos a cabo unha demostración práctica do que supón empregar ferramentas de tradución automática baseadas en intelixencias artificiais xerativas para traducir textos de diferentes tipoloxías, en concreto, un extracto dunha novela e mais un fragmento dun guión audiovisual, e confrontamos o resultado desas traducións automáticas coas traducións elaboradas por profesionais da nosa asociación. Desta maneira, o público puido comprobar o tipo de erros que se producen nas traducións automáticas e a dificultade do traballo profesional, que require unha gran dedicación, esforzo e creatividade. Ademais, tamén quixemos desmontar o mito de que a tradución automática ofrece bos resultados en textos técnicos, para o cal analizamos o caso real dunha tradución dun manual de instrucións feita cun tradutor automático.

Con este exercicio práctico as e os asistentes puideron comprobar de primeira man os riscos de empregar a tradución automática sen ningún tipo de ética nin responsabiliade, así como reflexionar sobre a importancia de contar con profesionais para garantir que os produtos e servizos dos que facemos uso cheguen a nós nunhas condicións de calidade óptimas.

As profesionais non nos opoñemos ao uso da tecnoloxía, pois somos as primeiras que a empregamos no noso día a día para facilitarnos e mellorar o noso traballo; con todo, si que nos preocupa que a aplicación da intelixencia artificial no noso sector responda unicamente a intereses económicos e que a prioridade non sexa nin as persoas usuarias e receptoras nin a comunicación e a comprensión, que, ao cabo, é o fin último das linguas.

Queremos dar as grazas a todas as persoas que asistiron ao acto e que enriqueceron o debate coas súas achegas e, especialmente, á asociación Artistas da Dobraxe Asociados (ADA), que colaboraron na actividade coa lectura dramatizada dos textos.

Eis unha escolma de fotografías do acto: