Presenza da AGPTI na Culturgal 2022
Un ano máis, a AGPTI participou na Culturgal en Pontevedra. A nosa presenza na feira xa non é novidade, e non só serve para dar visibilidade á asociación e as súas liñas de funcionamento, senón tamén para facer contacto coas persoas e entidades interesadas nos diversos eidos nos que traballamos.
Alén diso, os tres días de feira permitíronnos organizar actividades en diversos espazos. O sábado 26, no espazo profesional do Pazo da Cultura, tivo lugar a mesa redonda A importancia da tradución audiovisual na normalización do galego, na que contamos coa presencia de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Magdalena Sánchez e Lucía Doval, tradutoras audiovisuais e socias de AGPTI, e que moderou o tamén socio Manuel Arca. O peso cada vez maior do sector audiovisual fai que resulte estratéxico para o fortalecemento do galego, e isto só o posibilitará un bo exercicio profesional da tradución.
Tamén nesta fin de semana, e como resultado de contactarmos coas editoras correspondentes, tiveron lugar catro faladoiros entre tradutoras e editoras baixo o título Traducir literatura, publicar traducións. Conversas entre editoras e tradutoras, orientadas a salientar o esencial que resulta para as editoriais contar con tradutoras profesionais e especializadas. No primeiro, a tradutora María Alonso Seisdedos conversou coa editora Silvia Pérez Tato, de Kalandraka, e sobre o labor conxunto de traducir, editar e publicar as novelas Carol e O talento do señor Ripley, de Patricia Highsmith. Xa na tarde, María Reimóndez charlou sobre estes mesmos temas co editor Alejandro Tobar Salazar, de Hugin e Munin, arredor da novela A curmá Phillis, de Elizabeth Gaskell; e Patricia Buxán Outeiro, tradutora e editora, en Catro Ventos, de Infocracia, de Byung-Chul Han.
O domingo 27 houbo dous faladoiros máis, neste caso coa tradutora Celia Recarey Rendo e o editor e tradutor Carlos Valdés García, de Irmás Cartoné, que falaron sobre a tradución de Kyra Kyralina, de Panait Istrati. Os tres nos comentaron as peculiaridades dos seus métodos de traballo, nos que combinan as funcións de editoras e tradutoras. No último faladoiro desta edición contamos coa tradutora Raquel Senra, quen nos falou da súa autoproposta para a editora Laura Rodríguez, de Hércules Ediciones, da tradución do libro A Teoría King Kong de Despentes.
Queremos agradecer ás nosas socias voluntarias que prestasen o seu tempo libre da fin de semana para ter atendido en todo momento o stand da asociación e así mantermos unha presenza constante na feira das industrias culturais de Galiza.