O pasado venres 28 de xuño, na AGPTI organizamos unha merenda-conversa sobre o sector da tradución literaria en Galicia co obxectivo de preparar a nosa participación nunha mesa redonda que terá lugar o 19 de xullo no marco do I Encontro do Livro Galego, un encontro organizado polo proxecto de investigación da UDC «Campo Editorial e Cultura Autonómica: institucionalização e industrialização do livro na Galiza (1978-2026)». Participará en representación da AGPTI a socia Patricia Buxán, que foi quen moderou esta actividade.
Na primeira parte, as socias presentáronse e explicaron que proporción da súa carga de traballo e da súa facturación supón a tradución literaria. Cabe destacar que, no caso das socias que traballan con diferentes tipos de tradución, a maioría delas ten que dedicarlle máis horas (nalgún caso, mesmo o dobre) á tradución literaria para facturar o mesmo importe que noutras das súas especialidades. Isto non fai máis que confirmar o que as tradutoras literarias levan moito tempo dicindo: as tarifas están estancadas dende hai anos (ou mesmo baixaron), a pesar de que o nivel de vida non parou de subir, sobre todo nos últimos anos.
Na segunda parte, fixemos unha análise DAFO do sector da tradución literaria en Galicia, na que resaltaron, ademais da cuestión das tarifas xa indicada, outras como a visibilidade da figura da tradutora ou as sinerxías con outras entidades do sector.