Na tarde de onte, venres 20 de outubro, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación organizamos un debate con representantes das catro formacións políticas con representación no Congreso dos Deputados (BNG, PP, PSOE e Sumar) sobre a presenza das linguas oficiais nas institucións públicas e as súas implicacións socioeconómicas. Dende a AGPTI decidimos convocar este debate como segunda parte do foro mantido sobre o mesmo tema o pasado 30 de setembro, co gallo do Día Internacional da Tradución, centrado aquel encontro en dar voz ás profesionais da interpretación e co foco posto nas implicacións directas no seu traballo.
A respecto da valoración que os grupos políticos fixeron sobre o recente recoñecemento do uso das linguas oficiais no Congreso e da repercusión social que isto pode ter para a situación sociolingüística do galego, Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, afirmou que poder empregar a nosa lingua con normalidade nesa institución é sinal de recoñecemento da nosa realidade e corrixe unha anomalía democrática, ademais de poder servir como acto referencial que reforce a autoestima da poboación galega con respecto á súa lingua propia. Pola súa banda, José Luis Ferro, deputado do PPdeG no Parlamento de Galicia, considerou que, malia ser a posta en valor do galego un acto positivo, a reforma do Regulamento do Congreso foi feita nun momento inadecuado de convulsión política e dunha forma precipitada que o seu partido non comparte. Modesto Pose, deputado do PSOE no Congreso, manifestou que o seu partido estivo dende o comezo da democracia co apoio á linguas cooficiais, mais que, aínda sendo un paso importante, non vai condicionar por si mesmo o futuro do galego, traballo que hai que levar a cabo dende as institucións galegas. Por último, Marta Lois, deputada e voceira parlamentaria de Sumar no Congreso, expuxo que o paso dado no Congreso, froito do acordo entre forzas políticas con vontade de materializar e facer realidade un dereito pendente, abrirá a porta á nosa lingua en ámbitos afíns como a Administración pública ou a xustiza, nos que queda moito por facer.
En canto ao modo de contratación dos servizos de interpretación e tradución que van ser precisos no Congreso, dende a AGPTI, como asociación que recolle as opinións das profesionais e lles dá voz, manifestamos a nosa preocupación e rexeitamento a que esa contratación se faga mediante un sistema de licitación a grandes empresas intermediarias que acaparen boa parte do orzamento como beneficios e non garantan a profesionalidade do servizo ofrecido. Preguntados por esta cuestión, PP e PSOE afirmaron descoñecer polo miúdo as vías de contratación que se están a valorar, pero afirmaron concordar a título individual coa nosa posición. Pola súa banda, Sumar comprometeuse a trasladar á presidencia do Congreso a solicitude, que tamén comparten. O BNG manifestou o seu pleno acordo e a súa aposta por que o servizo se cubra con persoal propio da Cámara.
Por último, os partidos tamén se pronunciaron sobre a posibilidade de que o galego sexa recoñecido como lingua oficial da Unión Europea, proposta adiada o pasado mes de setembro e que se debaterá na institución europea o vindeiro 24 de outubro. A este respecto, os catro partidos concordaron nos aspectos positivos que ese recoñecemento pode implicar, mais tamén nas dificultades para conseguir que saia adiante debido a posibles vetos doutros países. Ademais, BNG, PP e Sumar reprocharon a xestión do PSOE ao pretender priorizar a oficialización do catalán á do galego e o éuscaro, posición que, segundo manifestou a dirección do PSOE en reunións cos partidos políticos, xa foi rectificada.
Dende a AGPTI agradecemos aos partidos políticos a súa participación no debate e o establecemento de canles de comunicación constante a través das cales poderlles facer chegar as nosas opinións e propostas concretas para que a experiencia e coñecemento das profesionais da tradución e da interpretación se teña en conta á hora de lexislar ou xestionar cuestións que afectan directamente á nosa profesión.