CURSO DE TRADUCIÓN XURÍDICA-ADMINISTRATIVA INGLÉS-ESPAÑOL

A AGPTI abre o prazo de preinscrición para o CURSO DE TRADUCIÓN XURÍDICA-ADMINISTRATIVA INGLÉS-ESPAÑOL que terá lugar en Santiago de Compostela os días 4 e 5 de outubro de 2013. Será impartido por Anabel Borja Albi.

4 e 5 de outubro de 2013
Santiago de Compostela

Información en castelán aquí.

Profesora: Anabel Borja Albi
Anabel Borja é tradutora e intérprete xurada para a lingua inglesa nomeada polo Ministerio de Asuntos Exteriores español. Traballou como tradutora profesional desde 1990 para editoras, empresas multinacionais, xulgados, notarías e gabinetes de avogados no ámbito xurídico e médico. É doutora en Tradución (UAB), licenciada en Filoloxía Angloxermánica (UV), diplomada en Comercio Exterior (CEIM), máster en Dereito da Empresa (UV) e diplomada en Óptica e Optometría (UCM). Dende 1991 traballa como profesora titular de tradución xurídica na Universitat Jaume I onde codirixe o grupo GITRAD e coordina a área de tradución xurídica do grupo GENTT. Participa en diversos posgraos de tradución especializada e impartiu seminarios e conferencias sobre investigación e docencia da tradución xurídica e médica en universidades españolas e estranxeiras. A súa investigación centrouse na análise contrastiva e a clasificación dos textos xurídicos mediante corpus electrónicos baseados no concepto de xénero textual, a didáctica da tradución especializada e a aplicación das novas tecnoloxías á tradución.

Programa

Venres 4 de outubro
• Breve introdución á tradución xurídica, práctica profesional e acreditación internacional
• Tipoloxía de textos xurídicos
• Prácticas de tradución

Sábado 5 de outubro
• Recursos para a tradución xurídica
• Estratexias de tradución xurídica e xurada
• Prácticas de tradución

Metodoloxía
As clases serán eminentemente prácticas, polo que se aconsella que as persoas asistentes acudan ao curso cun ordenador portátil. Tras unha breve introdución conceptual debateranse as posibles solucións de tradución para diversos textos xurídicos e administrativos. Como material de traballo seleccionáronse os tipos de textos que chegan con máis frecuencia á mesa da tradutora xurídica e que nos servirán para analizar problemas de tradución de tipo conceptual, terminolóxico e estilístico.

Horario

Venres, 4 de outubro de 2013:
16.00 – 17.45
17.45 – 18.15 descanso
18.15 – 20.00

Sábado, 5 de outubro de 2013:
10.00 – 11.45
11.45 – 12.15 descanso
12.15 – 14.00

Lugar
Gran Hotel Santiago
Avda. Mestre Mateo s/n
15706 Santiago de Compostela
Tel. 981 534 222

Ligazón do centro:
http://www.gh-hoteles.com/es/hoteles-santiago-compostela-centro.html

Preinscricións
Para vos preinscribir neste curso, enchede o formulario que atoparedes aquí.

Prazo de preinscrición: até o 23 de setembro

As cotas de matrícula son de 80 € para socias/os da AGPTI, 100 € para socias/os de calquera asociación da rede Vértice* e 135 € para non-socias/os. Pregámosvos que non paguedes mentres non vos confirmemos que estades admitidas/os. A confirmación farase unha vez rematado o prazo de preinscrición e comunicarase por correo electrónico, tanto a admisión coma os pasos que debedes seguir para formalizardes a matrícula.
Dado que o número de prazas é limitado, daráselles preferencia ás socias e socios da AGPTI. Polo demais, a admisión realizarase por estrita orde de chegada das solicitudes de preinscrición, criterio que rexerá tamén no caso de que algunha das persoas preinscritas non formalice a matrícula no prazo estipulado e cumpra recorrer á lista de espera, de a houber.

* A rede Vértice está formada polas seguintes asociacións: AATI, ACEC, ACEtt, AGPTI, AIPTI, APTIC, APTIJ, ASATI, Asetrad, ATIJC, ATRAE, AVIC, EIZIE, MET, Tremédica, UniCo e la Xarxa.

Esperamos que o curso sexa do voso interese.

Recibide un cordial saúdo,
Ana Mirás e Rossana Couto
Área de Formación da AGPTI