Dada a aceptación desta convocatoria, a AGPTI amplía as prazas para o CURSO «XBENCH, EL SALVAVIDAS DEL TRADUCTOR». Estas novas prazas ofértanse para asistir o sábado 27 de xuño de 2015. Información en castelán aquí.
Profesora: Rocío Serrano
Rocío Serrano é filóloga e exerceu de profesora de idiomas ata que a informática e a tradución se cruzaron no seu camiño. Tras varios cursos de especialización, algún posgrao e moito tesón, leva xa oito anos traballando como tradutora, revisora e correctora autónoma (aínda que segue dando clase de cando en vez). Especializada en tradución técnica e con algún libro publicado sobre estas cuestións, tamén fai incursións noutros campos, como a mercadotecnia, aínda que o que verdadeiramente lle gusta é coñecer o miolo das ferramentas TAO para sacarlles todo o partido posible.
A través do seu álter ego, Azote Ortográfico, flaxela sen piedade aos que ousan maltratar a lingua dende os medios de comunicación e as institucións. Tamén colabora na Cadena SER de Xaén, onde conta curiosidades lingüísticas.
Contido:
Xbench, unha aplicación deseñada pola empresa barcelonesa ApSIC, ofrece multitude de posibilidades para os tradutores: dende garantir a coherencia entre documentos dun mesmo proxecto ou as referencias proporcionadas polo cliente, ata crear memorias en TMX a partir dun bo número de formatos de arquivo bilingües.
Esas son só dúas das súas infinitas posibilidades. A súa interface de uso pouco atractiva adoita intimidar os usuarios; con este curso, aclararemos os aspectos máis prácticos do programa para sacarlle o máximo partido.
Presentación:
Sabes que hai montóns de erros, moitas veces debidos a despistes, que poderías evitar doadamente de forma automática? Sabes tamén que podes centralizar boa parte das túas buscas terminolóxicas, xa sexa os glosarios obrigatorios do cliente ou as túas referencias habituais? E que podes crear unha memoria compatible coa práctica totalidade de ferramentas TAO a partir de arquivos bilingües en diversos formatos? Existe unha aplicación capaz de facelo todo ela soa: Xbench, concibida para facilitar a vida aos tradutores.
Programa:
- 1. Introdución á ferramenta: que é Xbench e que pode facer por ti
- 2. Buscas (documentos, glosarios e memorias)
- 3. Consulta de obras en liña
- 4. Exportación de contidos
- 5. Control de calidade (QA)
- a. Opcións de serie: como suple ou complementa as ferramentas TAO con QA integrado
- b. Coherencia con referencias obrigatorias
- c. Coherencia entre documentos
- d. Creación de listas de comprobación personalizadas
- e. Expresións regulares
- 6. Diferenzas entre a versión gratuíta (2.9) e a de pagamento (3.0)
Duración:
4 horas
Lingua:
Este curso impartirase en castelán.
Material necesario:
Será imprescindible que as persoas asistentes leven consigo ou dispoñan do seu propio ordenador con polo menos a versión gratuíta de Xbench instalada (2.9).
Número mínimo de asistentes: 10
Número máximo de asistentes: 20
Horario:
Sábado 27 de xuño de 9.30 a 13.30
Lugar de celebración
Facultade de Filoloxía – Universidade de Santiago de Compostela
Avda. Castelao s.n.
Campus Norte, C.P.15782
Santiago de Compostela
España
Preinscricións
Para preinscribirse neste curso é preciso encher o formulario que atoparedes aquí.
Prazo de preinscrición:
Finaliza o 15 de xuño
Cotas de matrícula:
- Socios/as da AGPTI e alumnado e persoal docente e investigador da USC: 45 €
- Socios/as da Red Vértice*: 55 €
- Non-socios/as: 65 €
- Pregámosvos que non fagades o pagamento ata que non se vos confirme que estades admitidos/as. A confirmación comunicarase por correo electrónico, tanto a admisión como os pasos que debedes dar para formalizar a matrícula.
Dado que o número de prazas é limitado, darase preferencia aos socios e socias da AGPTI e ao alumnado e persoal docente e investigador da Universidade de Santiago. A admisión farase por estrita orde de recepción das solicitudes, criterio que se aplicará tamén no caso de que algunha das persoas preinscritas non formalice a matrícula no prazo estipulado e sexa preciso recorrer á lista de espera.
*A Red Vértice está formada polas seguintes asociacións: AATI, ACEC, ACEtt, AGPTI, AIPTI, APTIC, APTIJ, ASATI, Asetrad, ATIJC, ATRAE, EIZIE, MET, Tremédica, UniCo e la Xarxa.
Esperamos que o curso sexa do voso interese.
Recibide un cordial saúdo,
Belén Carneiro e Cristina Sexto
Vogalía de actividades da AGPTI
actividades@agpti.org
www.agpti.org