Esta semana, terán lugar dous actos relacionados coa interpretación e a tradución na Universidade de Vigo. Un o xoves 29 e outro o venres 30 de outubro.
- Xornada «A cooperación ao desenvolvemento desde a perspectiva de xénero e os dereitos humanos»: esta xornada encádrase no proxecto MELINCO (Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento), dirixido pola doutora Maribel del Pozo Triviño, e consistirá en dúas conferencias plenarias, dúas sesións de presentación das accións do proxecto da man do equipo de MELINCO e de presentación dos TFG do alumnado colaborador e unha mesa redonda con persoal de ONGD e profesionais da tradución e da interpretación. A asistencia virtual require inscrición previa. Pódese consultar toda a información na web do proxecto.
- Mesa redonda «Das Lagoas a Silicon Valley: vivir da T&I en Galicia»: acto académico de celebración do Día Internacional da Tradución organizado pola doutora Ana Luna Alonso. Colaboran o programa de doutoramento T&P, a FFT, Bitraga, BiFeGa e a AGPTI. Celebrarase este venres 30 de 11.00 h a 13.00 h, con asistencia presencial limitada ao alumnado de 1.º do Grao de Tradución e Interpretación. Será transmitido en directo por UVigo-TV desde o Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. Pódese consultar toda a información na páxina web do programa de doutoramento en Tradución e Paratradución (T&P). Velaquí o enderezo para acceder ao directo.