O encontro deste ano, organizado por Asetrad na fin de semana do 7-9 de outubro, presenta como novidade a organización paralela de actividades formativas e lúdicas abertas a profesionais e estudantes do sector.
O venres pola tarde haberá un acto inaugural para presentar as 17 asociacións da rede, seguido da presentación da guía para contratar interpretacións, que está dispoñible nas catro linguas do Estado froito da colaboración das asociacións de Red Vértice. A continuación haberá unha charla sobre a relación entre o escritor e o tradutor a cargo do escritor Lorenzo Silva.
O sábado organizaranse catro seminarios sobre o uso do español, a corrección de textos e o uso de estranxeirismos, impartidos por Javier Bezos da Fundéu, a correctora Pilar Comín e a tradutora Judith Carrera.
O domingo pola mañá haberá unha visita guiada pola Soria máis literaria. Esta actividade, xunto á comida e as ceas (todas elas suxeitas a limitación de aforo), servirán de contrapunto lúdico para favorecer a confraternidade entre socias e socios das distintas asociacións.
Aquí podedes consultar o programa completo. O prazo de inscrición a prezo reducido remata o 31 de xullo. De querer asistir, convén formalizardes a inscrición e reservar aloxamento canto antes.