Entrega do VI Premio Xela Arias

Este pasado sábado, día 16 de decembro, achegámonos ao local do Centro Sociocultural Maruxa e Coralia para entregar o VI Premio Xela Arias á Asociación Galega de Editoras pola importancia do seu traballo a favor do colectivo editorial, así como por representar un sector cunha gran pegada pública no que a profesión da tradución ten unha visibilidade moi relevante e no que o diálogo entre profesionais e empresas é moi aberto e directo.

O acto estivo dividido en dúas partes:

– Por unha banda, celebrouse un encontro entre tradutoras e editoras, con Gabriel Álvarez (tradutor de xaponés), Béatrice Pépin (tradutora de francés), Celia Recarey de Irmás Cartoné (tradutoras-editoras) e Marcos Calveiro de Galaxia. Neste encontro analizouse o proceso de edición dun libro traducido a galego desde o puntos de vista das profesionais da tradución e desde o punto de vista das editoras. Ademais, fíxose un debate sobre a situación actual da industria editorial galega e as súas eivas no ámbito da tradución, reinvidicando um modelo público de axudas máis axeitado coa realidade do sector. Tamén, desde os ollos das profesionais da tradución, destacouse a gran calidade das obras traducidas a galego.
– A continuación, entregouse o VI Premio Xela Arias, para o que interviron o presidente da AGE, Quique Alvarellos, e a secretaria e presidenta da AGPTI, Bea Fariñas e Iria Taibo. Nos seus discursos destacaron a importancia do traballo colectivo das asociacións para mellorar as condicións laborais dos sectores da edición de libros e da tradución, así como o valor das sinerxias que se xeran co traballo conxunto entre asociacións.

As gañadoras das pasadas edicións foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020) e a revista científica Viceversa e A Mesa pola Normalización Lingüística (2022).

A continuación deixamos unha galería de imaxes do acto: