NUMAX é un proxecto cooperativo que aposta polo galego, procurando usalo coma lingua de divulgación do audiovisual. Tanto na programación habitual do seu cinema coma no seu programa didáctico “NUMAX na escola”, dirixido a centros de ensino, inclúense filmes en versión orixinal con subtítulos en galego que a propia empresa encomenda a profesionais da tradución. Dada a falta de apoio por parte das institucións públicas á tradución cara ao galego de produtos cinematográficos noutros idiomas (tan necesarios para a normalización da nosa lingua) e a imposibilidade do público para asistir a filmes dobrados ou subtitulados en galego nas salas de cinema, supón unha iniciativa e un esforzo verdadeiramente meritorios. Ademais, NUMAX respecta as profesionais dando visibilidade ás tradutoras e tradutores e facendo que o seu nome figure sempre nos créditos dos filmes.
Con este premio, a AGPTI tamén quere facer énfase no apoio a proxectos culturais que están a verse tan prexudicados na presente situación de crise e, sobre todo, no apoio ao audiovisual na nosa lingua.
Igual ca nos anos anteriores, o premio será entregado nun acto simbólico que anunciaremos en breve.