Colectivos profesionais e académicos denuncian que a reforma da Lei de Axuizamento Criminal que pretende aprobar o Goberno supón unha grande ameaza para os dereitos das persoas que se ven inmersas nun proceso penal.
Demandan que se garanta a cualificación dos intérpretes e que non se ceda ante a presión das macroempresas que actualmente prestan este servizo e que envían persoas non profesionais, nalgúns casos incluso con antecedentes penais.
Unha muller estranxeira vítima de violencia machista á que o seu intérprete aconsella volver co seu maltratador. Un mariñeiro senegalés a quen o intérprete extorsiona nun caso de tráfico de drogas. Un intérprete que filtra información ao proxeneta tras asistir a unha vítima nixeriana de trata. Estas situacións estanse producindo nos nosos tribunais e comisarías sen que até agora se fixese nada por evitalo.
O Partido Popular podería atallar o baleiro legal que hoxe en día permite que calquera persoa sen a formación axeitada actúe como tradutor nas comisarías e xulgados españois, mediante a aplicación da reforma da Lei de Axuizamento Criminal (LECrim). Porén, a pasada semana o partido do Goberno rexeitou no Congreso dos Deputados as emendas presentadas por todos os grupos políticos da oposición ao proxecto de lei que reforma a LECrim coa finalidade de traspor a normativa europea ao respecto. Esta total ausencia de vontade de consenso sorprendeu o resto de grupos políticos, por tratarse dunha cuestión que, pola súa importancia, non debería implicar confrontación ideolóxica algunha.
Actualmente o servizo de intérpretes nas comisarías e xulgados españois xestiónano macroempresas que envían a persoas non cualificadas, nalgúns casos incluso con antecedentes penais, para intervir en tomas de declaración e xuízos. Son moitos os profesionais con formación que se negan a traballar para estas empresas, que poden cobrar até 50 euros por hora da administración de xustiza e, porén, pagan 8 euros por hora aos intérpretes que realizan o servizo.
A reforma da LECrim que propón o PP non recolle ningún dos mecanismos expostos nas directivas aprobadas pola UE para garantir a calidade dos tradutores e intérpretes que traballan en comisarías e tribunais, un sector profesional novo cun grande intrusismo profesional que supón ademais unha grande ameaza para os dereitos das persoas que se ven inmersas nun proceso penal.
Rexeitamento de profesionais e académicos ao proxecto de lei
Ante esta situación e apoiados pola Conferencia de Reitores (CRUE) e ONG internacionais como FairTrials, numerosos colectivos de intérpretes e tradutores profesionais, aglutinados baixo a Rede Vértice e FILSE, e as facultades de tradución e interpretación das universidades españolas, reunidas na CCDUTI, mostran o seu total rexeitamento ao actual proxecto de lei e piden ao Ministerio de Xustiza que teña en consideración as emendas, que permita aos poñentes do Partido Popular que as negocien cos outros partidos e que, polo tanto, non se someta ás presións das empresas que xestionan actualmente os servizos.
«Hai que aproveitar a oportunidade de reformar a LECrim e regular como é debido un servizo de calidade de acordo coa normativa europea, ou non se poderá impartir xustiza con garantía algunha se son persoas non cualificadas as que realizan este traballo», indica Juan Miguel Ortega, Presidente da Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Judiciales y Jurados (APTIJ).
Se o xoves 18 de decembro o PP aproba cos seus votos no pleno do Congreso a reforma da LECrim nos seus termos actuais, permitirá contratar as persoas non profesionais que están traballando actualmente só con acreditar a súa experiencia en xulgados e comisarías e sen necesidade de que se sometan a ningunha proba para demostrar a súa competencia mínima como intérprete xudicial.