Na reunión da Comisión de Xustiza do Congreso celebrada o 18 de novembro, o PP rexeitou sen debate todas as emendas presentadas polos grupos da oposición ao Proxecto de Lei Orgánica para a transposición da Directiva 2010/64/UE sobre o dereito á interpretación e á tradución nos procesos penais.
Desde as asociacións integrantes da Rede Vértice (da que forma parte AGPTI) e a Conferencia de Centros e Departamentos Universitarios de Tradución e Interpretación de España (CCDUTI), queremos unha vez máis denunciar o desprezo do Goberno polos dereitos fundamentais dos cidadáns que esta Directiva defende. A única explicación que atopamos a esta postura do PP é a falta de argumentos sólidos do propio Ministerio de Xustiza para rebater o contido das emendas presentadas.
Por primeira vez, se este Proxecto de Lei Orgánica fose adoptado coa súa redacción actual, crearíase un rexistro de intérpretes e tradutores sen ningún tipo de proba de acceso, é dicir, sen garantía de calidade profesional, deixando en mans das empresas intermediarias adxudicatarias do servizo o cumprimento dos requisitos establecidos. É ben coñecido que a Administración non dispón de recursos humanos nin materiais nin de procedementos eficaces para a comprobación do cumprimento destes requisitos, polo que resulta indispensable unha proba obxectiva de acceso a xeito de garantía previa de calidade profesional e non un sistema de sancións a posteriori, cando xa se lesionasen os dereitos que a Directiva quere protexer.
O Proxecto de Lei Orgánica insta ao Goberno a presentar unha Lei do Rexistro de Tradutores e Intérpretes Xudiciais no prazo dun ano. Se temos en conta que este prazo rematará cando teña finalizado a lexislatura actual, cremos que este proxecto de lei non é aceptábel coa súa redacción actual. Se o Ministerio de Xustiza pretende promulgar a Lei do novo Rexistro uns meses antes de que remate a lexislatura en contra de todo o sector profesional e académico da tradución e a interpretación do país e de todos os grupos parlamentarios da oposición, debemos pedirlle que retire o Proxecto de Lei Orgánica inmediatamente xa que carece de toda lexitimidade moral para tramitalo. Tanto o sector profesional como o académico levan anos tentando asesorar o Ministerio de Xustiza para unha correcta transposición da Directiva e este esqueceu a nosa principal reivindicación: a proba de acceso, sen a que o espírito e a letra da Directiva quedan desvirtuados por completo.
Se o Ministerio de Xustiza quere que esta Lei Orgánica e a futura Lei do Rexistro saian adiante, deberá alcanzar un consenso social. En caso contrario, o mellor que pode facer é retirala e pospor a decisión para que sexa por consenso.
(Aquí pódese consultar o texto completo do comunicado conxunto da Rede Vértice e da CCDUTI.)