O programa «A porta aberta» da TVG entrevista a AGPTI

A principios de xuño, o programa A porta aberta da TVG invitou a AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) para falar sobre a asociación, coñecer de cerca a tradución e máis a interpretación e entender o noso traballo como tradutoras e intérpretes.

A este programa acudiron catro socias: a presidenta, Iria Taibo; a secretaria, Beatriz Fariñas; María Reimóndez, unha das fundadoras da asociación e o tradutor audiovisual, Samuel Solleiro.

Entre os principais temas que trataron no programa, cabe destacar a importancia de asociarse. Nesta profesión adoitamos traballar soas e incluso sentirnos apartadas, pero ao estar asociadas, a parte de estarmos acompañadas polas compañeiras coas que compartimos profesión, tamén podemos facerlle fronte en equipo aos problemas que poidan xurdir e afectar o noso traballo, formarnos e estar ao día das novidades do sector.

Ademais, tamén achegaron a tradución e a interpretación ao público.

Explicaron como calquera texto é susceptible de ser traducido, incluso aqueles que nos rodean no día a día e moita xente descoñece que poden estar traducidos, como poden ser as etiquetas do xel ou do xampú que usamos na ducha, os ingredientes das galletas que tomamos co café ou os prospectos dos medicamentos que nos receita a médica.

Así, tamén falaron da importancia do papel das intérpretes na Administración, especialmente nos ámbitos da xustiza e da sanidade. Moitas das persoas que necesitan estes servizos están nunha situación de vulnerabilidade, por iso desde a AGPTI cremos que nestes casos debe haber sempre profesionais e que se esixa un mínimo de acreditación, cousa que a día de hoxe non sempre é así.

Podes escoitar en detalle todo o que comentaron as nosas compañeiras na seguinte ligazón ao programa completo de A porta aberta: https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/asociaci-n-galega-de-profesionais-da-traduci-n-e-da-interpretaci-n-6152684?t=109