O Senado: últimas rebaixas!

 

O Senado reduce o orzamento destinado á interpretación e á transcrición das linguas oficiais ao pagar a cero euros todas as interpretacións de ata media hora de duración e todo o traballo de transcrición nestas linguas. Quen dá menos?

O Senado —a cámara alta das Cortes Xerais do Estado español, órgano constitucional de representación territorial— búrlase das linguas oficiais do Estado e, xa de paso, de todo o sector profesional da interpretación e da transcrición ao decidir non pagar NADA pola totalidade do traballo de transcrición e polas interpretacións de ata media hora de duración. O contrato asinado coa adxudicataria, a empresa Oncall Europa, recolle unhas condicións absolutamente inauditas para as traballadoras e traballadores que efectuarán ese labor: gratuidade do traballo, gratuidade polas horas en que as intérpretes deben estar dispoñibles (ao se descoñecer, pola propia dinámica das sesións plenarias, a hora exacta de inicio do seu tempo de interpretación) e tarifas por debaixo do prezo de mercado.

As asociacións profesionais  da tradución e a interpretación de todo Estado agrupadas na Rede Vértice rexeitan plenamente as condicións deste contrato, por constituíren unha burla ao sector e minaren fondamente os dereitos das traballadoras e traballadores, así como as normas máis esenciais de profesionalidade.