A Semana do Libro de Compostela (SELIC) celebrará a súa quinta edición do 10 ao 19 de setembro na rúa do Vilar e na praza das Praterías.
O sábado 11 de setembro, a AGPTI participa no festival da lectura cun acto centrado en tres tradutoras premiadas. Referímonos a María Alonso Seisdedos, unha das tradutoras do Ulises de Joyce (Editorial Galaxia, 2014; Premio Nacional de Tradución); Celia Recarey, tradutora d’A señora Dalloway de Virginia Woolf (Irmás Cartoné, 2019; Premio de Tradución da Gala do Libro Galega), e María Reimóndez, tradutora de A historia de Mary Prince, unha escrava das indias occidentais de Mary Prince (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego, 2008; Premio Plácido Castro) e A nosa Negra de Harriet E. Wilson (Hugin e Munin, 2020; Premio Follas Novas de Tradución). Ademais de falar de cada proxecto, reflexionarase sobre o estado, as implicacións e as posibilidades dos premios de tradución no sistema literario galego.
O acto será moderado por Gabriel Álvarez e forma parte das celebracións da AGPTI de cara ao Día Internacional da Tradución.
Nesta ligazón pódese consultar o programa completo da SELIC 2021.