Formeime como filólogo e, tras unha breve etapa docente e diferentes estadías no estranxeiro, en 2010 decidín centrar a miña carreira profesional na tradución literaria.
Até a data, levo traducidas –para múltiples editoriais, entre as cales se contan as galegas Hugin e Munin, Xerais, Urco, Tambre, Retranca ou Kalandraka– algo máis de 150 obras, sobre todo da literatura anglófona e case sempre no ámbito da ficción; secasí, tamén asinei unha vintena de traducións de obras divulgativas (por exemplo, algúns títulos da colección Ideaka de Edelvives, enfocada a un público xuvenil), biografías musicais (arredor das figuras de David Bowie, de Prince ou do grupo Led Zeppelin, encargas estas de Alianza editorial) ou textos relacionados co ensino (poño por caso, o groso volume de Teoría do Coñecemento publicado en castelán por Vicens Vives).
Traduzo así mesmo dende o francés, sobre todo nos últimos anos. Neste sentido, formo parte, a canda Xavier Senín e Isabel Soto, da tríade de tradutores responsables de verter a serie de banda deseñada francesa Astérix, tanto á lingua galega coma á castelá, así como outros produtos derivados da factoría Goscinny-Uderzo e encargas variadas do grupo Hachette (BD, literatura infantil, revistas). Tamén, puntualmente, tiven ocasión de anosar obras de relevo da literatura nórdica dende o dinamarqués orixinal, quer para o galego, quer para o castelán. Por exemplo, soados contos de H. C. Andersen ou O párroco de Veljby, unha novela breve dun autor do século XIX. Con todo e iso, así como en francés teño unha competencia bastante boa (grazas á Alianza Francesa), na lingua de Dinamarca, país no que vivín catro anos e en cuxa Studieskolen cursei os primeiros módulos, bato con excesivas dificultades e unha evidente falta de tempo, polo que só acepto encargas de forma excepcional, e case que por compromiso.
Noutra orde de cousas, en 2011 fundei a editorial Hugin e Munin, empresa orientada en exclusiva á publicación de narrativa estranxeira en galego, onde na actualidade me desenvolvo como editor e como tradutor. O meu labor profesional nesta última faceta viuse recompensado en 2014 co Premio Plácido Castro pola tradución de O forasteiro misterioso, de Mark Twain; e en 2016 co Premio Follas Novas de Tradución na I Gala do Libro Galego pola translación dunha novela curta de Joseph Conrad, Mocidade.
Entre outras voces estranxeiras cuxa obra me encarguei de incorporar ao corpus de literatura traducida en lingua galega figuran Siri Hustvedt, Isaac Asimov, Aldous Huxley, George Eliot, Raymond Chandler (en tándem con Diego Ameixeiras), Maria Edgeworth, Robertson Davies, Edith Wharton ou Anita Brookner. Mentres que ao castelán vertín obras de autores como Washington Irving, Kenneth Grahame, Lafcadio Hearn, John Sheridan Le Fanu ou Francis Hodgson Burnett, por amentar algúns dos máis coñecidos e, na miña opinión, interesantes.