Antía Veres Xesto

Traduzo do inglés, do francés e do portugués ao galego e mais ao español. Son licenciada en Tradución e Interpretación e teño máis de oito anos de experiencia. Especialiceime nuns dos ámbitos máis creativos deste fermoso oficio co que nunca deixo de aprender: a literatura, o márketing e a transcreación. No meu día a día tamén traduzo material relacionado coas tecnoloxías da información, e conto con anos de experiencia nos eidos xurídico, institucional e audiovisual.

Ofrezo servizos de tradución, tradución xurada (na combinación inglés<>galego), localización, revisión e corrección. Son unha persoa moi perfeccionista, o que me leva a coidar sempre ata o máis mínimo detalle e a entregar traballos de calidade dentro dos prazos acordados.

No 2013, recibín o primeiro accésit de tradución literaria nos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria da Universidade de Vigo por O conto de Nadal de Auggie Wren, de Paul Auster. No 2017, a miña tradución de Detrás da máscara, unha novela de Louisa May Alcott, foi galardoada co I Premio Realia de Tradución. Dous anos máis tarde, no 2019, recibín o Premio Plácido Castro de Tradución por Unha muller perdida, de Willa Cather.

Apaixóname traballar todos os días para ofrecerlle á nosa comunidade de falantes contidos orixinalmente escritos noutras linguas e para eliminar así as barreiras que poden chegar a supoñer os idiomas.