O vindeiro sábado 27 e domingo 28, a AGPTI vai estar presente na Culturgal, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Coma noutros anos, contamos cun espazo propio (o posto número 40) no que ofreceremos información sobre a asociación e o sector e tamén imos ter algúns xogos relacionados coas linguas. Durante todo o sábado poderase participar no concurso “Atopa o erro!”. O domingo á mañá farase un sorteo entre as participantes.
Para o domingo, temos tres actividades preparadas.
- De 12.00 a 12.20, terá lugar a entrega oficial do premio Xela Arias no Espazo Foro. Acompañarannos Avelino González en representación de NUMAX (gañadora do III Premio Xela Arias) e Alberto Álvarez Lugrís, da revista Viceversa (gañadora do IV Premio Xela Arias). Presenta o acto Iria Taibo, presidenta da AGPTI.
- De 12.20 a 12.50, contaremos cos tradutores Samuel Solleiro e Manuel Arca para o faladoiro sobre tradución audiovisual “TAV: Damos crédito!”, moderado por Béatrice Pépin, secretaria da AGPTI.
- Xa á tarde, de 16.00 a 16.30, haberá un faladoiro sobre tradución literaria no posto da AGPTI: “Traducir ao galego: unha aposta editorial”, con Patricia Buxán (Catro Ventos) e Carlos Valdés (Irmás Cartoné), e coa moderación de Iria Castro.
Nesta ligazón explícase como chegar ao Pazo da Cultura de Pontevedra.