Publicación de “Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora”

O pasado 5 de outubro, ao anunciarmos que a revista Viceversa era a gañadora da última edición do premio Xela Arias, anticipabamos a publicación dun volume monográfico dedicado a Xela Arias coma tradutora.

Ese libro saíu xa do prelo, froito dunha colaboración entre a editorial Xerais e Viceversa.

Alberto Álvarez Lugrís, Ana Luna Alonso e María Reimóndez son as editoras dun volume que recolle diversas achegas dun selecto grupo de autoras e autores. O libro ábrese cunha introdución do equipo editorial e unha enumeración das obras traducidas por Arias e das obras de Arias vertidas a outras linguas. Marga do Val realiza, a continuación, un detallado repaso da carreira de Arias coma tradutora. Vén despois unha serie de artigos centrados sobre todo nas traducións dende o castelán, a transcrición dunha mesa redonda sobre os traballos en colaboración de Arias e outras tradutoras, análises das súas traducións do inglés, e mostras de tradución da obra poética de Arias a outros idiomas.

Velaquí o índice do libro:

INTRODUCIÓN (Alberto Álvarez Lugrís, Ana Luna Alonso e María Reimóndez)
I. ENTRE LINGUAS CON XELA ARIAS (Marga do Val)
II. XELA ARIAS E A TRADUCIÓN POÉTICA: TRADUCIÓN PRIVADA E TRADUCIÓN QUE DEIXA PEGADA (Tamara Andrés)
III. XELA ARIAS E A TRADUCIÓN MITOLÓXICA: CIDADES FANTÁSTICAS, PRÍNCIPES E XINNS DA MITOLOXÍA E LENDAS ÁRABES E O BOSQUE ANIMADO (Alba Rodríguez Saavedra)
IV. PATRIMONIO DE LECTURAS GALEGAS E TRADUCIÓN ENDÓXENA DESDE O CASTELÁN: WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ E JUAN FARIAS NO CORPUS TRADUTOLÓXICO DE XELA ARIAS (María Liñeira)
V. LETRA A LETRA CON XELA ARIAS. AS VOCES DAS COTRADUTORAS (transcrición da mesa redonda celebrada o 26 de febreiro de 2021 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Participaron Manuel Bragado, Lidia Iglesias Izquierdo, Débora Ramonde Iglesias e Rafael Ferradáns)
VI. MINA MURRAY (NON VAN HELSING) DERROTA O VAMPIRO: IDENTIDADES INCERTAS E TENSIÓNS NO DRÁCULA DE XELA ARIAS (Marilar Aleixandre)
VII. CANDO O MARCO NON ENCAIXA: DESAXUSTES DE XÉNERO E RACIALIDADE NA TRADUCIÓN AO GALEGO DE BLACK VENUS DE ANGELA CARTER (María Reimóndez)
XELA ARIAS TRADUCIDA:
XELA ARIAS EN RUSO (Elena Zernova)
DÚAS TRADUCIÓNS (Erin Moure)
CITA A CEGAS OU TRADUCIR XELA ARIAS AO ALEMÁN (Georg Pichler)
KATHLEEN MARCH TRADUCE XELA ARIAS (Kathleen March)
NOTAS BIOGRÁFICAS