Co gallo do Día Internacional da Corrección, que se celebra anualmente o 27 de outubro en conmemoración polo nacemento de Erasmo de Rotterdam, humanista, filósofo, filólogo e teólogo neerlandés, recoñecido polo seu labor no eido editorial, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) comprácese en anunciar a publicación en lingua galega do Decálogo para encomendar a corrección dun texto, unha guía destinada non só a profesionais, senón tamén á clientela potencial que requira contratar servizos de corrección.
A obra orixinal, elaborada pola tradutora e correctora Pilar Comín Sebastián para a Unión de Correctores (UniCo), publicouse por primeira vez en castelán no ano 2017 e xa conta desde entón con traducións en éuscaro e italiano; e agora está dispoñible tamén en lingua galega grazas á AGPTI.
Esta guía de balde en PDF está ao dispor de todas as persoas que se dedican ou se queiran dedicar de xeito profesional á corrección de textos, pero tamén para empresas que necesiten contratar a corrección de calquera tipo de documento escrito. En 30 páxinas, este decálogo repasa e identifica os dez puntos de especial relevancia para explicar o labor dun(ha) corrector(a), ademais de ilustrar os pasos típicos nun proceso de revisión e corrección dun texto.
O Decálogo para encomendar a corrección dun texto pódese consultar e descargar aquí.
Contido do decálogo:
- Por que contratar profesionais para corrixir un texto
- Tarefas dun(ha) corrector(a)
- Proceso de mellora dun texto
- Tipos de corrección
- Como se presuposta
- Como se factura
- Canto se tarda
- Como saber quen é a persoa idónea para corrixir o seu texto
- Especializacións
- Si, vou contratar profesionais da corrección
Pilar Comín Sebastián reside en Barcelona e traballa no eido da corrección, a edición, a tradución e a redacción. Entre outras obras, é a autora das dúas edicións da Ortografía y gramática para dummies, publicado pola editorial CEAC en 2013 e 2018.
Desde a xunta directiva da AGPTI, queremos agradecer enormemente o traballo voluntario e desinteresado das persoas que se encargaron da tradución e das diferentes etapas de revisión e corrección para que se poida publicar esta guía práctica nunha data tan acaída como é o Día Internacional da Corrección. Por orde alfabética: Ana Hermida Ruibal, Beatriz Fariñas Garrote, José-Luis Pérez Morais, María Alonso Seisdedos e Paloma Barrera Crespo.